A programación dará comezo o 1 de outubro e contempla tanto actividades extraescolares para nenos como propostas para os adultos
O Concello de Brión abre desde hoxe ata o 15 de setembro o prazo de inscrición no seu programa de actividades culturais e deportivas para o novo curso 2015-16. As anotacións deberán formalizarse de maneira presencial na Casa da Cultura de Brión, entre as 9 e as 14:30 horas. Non se admiten inscricións por vía telefónica.
Cultura
No apartado de Cultura, o Concello de Brión ofrece tres grupos de baile galego, catro grupos de pandeireta, dous de baile moderno e dous de gaita e percusión, a través da Escola Municipal de Danza e Música Tradicional. A matrícula custa 80 euros en cada unha das actividades, para todo ano.
Pola súa parte, a Escola Municipal de Música Magariños admite inscricións para prazas vacantes ata o 31 de outubro. Mantén o seu plan educativo xeral, para alumnado de 3 a 21 anos, ademais do plan para adultos (maiores de 16 anos), e ata tres itinerarios diferentes de especialidades instrumentais e diferentes posibilidades de formación complementaria. Tamén a Asociación Banda de Música Municipal de Brión prosegue as súas actividades, con ensaios semanais os sábados. Poden acceder a ela persoas maiores de 10 anos.
Desde a Biblioteca Pública Municipal de Brión volven programar o Club Camaleón, con actividades de animación á lectura para nenos e nenas de 3 a 8 anos de idade. Ofrecerá xogos, contacontos e obradoiros cunha periodicidade quincenal. E tamén se organiza un Club de Lectura, gratuíto, para maiores de 16 anos, con reunións quincenais.
Deportes
En canto ao eido de Deportes, para nenos e nenas o programa municipal incorpora dous grupos de predeporte, dous de judo, dous de patinaxe, catro grupos de fútbol sala, un de fútbol 7, dous de tenis, dous de ximnasia rítmica e un de iniciación ao hóckey. As actividades desenvólvense en horario de tarde nas instalacións do CEIP Pedrouzos (predeporte, judo e ximnasia rítmica), no pavillón polideportivo (patinaxe, fútbol sala, tenis e iniciación ao hóckey), e no campo de fútbol (fútbol 7). O prezo anual é tamén de 80 euros. Para adultos, a oferta é de ioga no centro social polivalente, cun prezo de 120 euros.
Formación
No apartado de Formación, a oferta intégrana tres grupos de iniciación á pintura, dous de inglés, tres de novas tecnoloxías e un de mecanografía. Todas estas opcións custan 80 euros para todo o ano, agás as clases de inglés, que teñen un prezo de 150 euros.
Calendario, mínimos e bonificacións
As actividades darán comezo o día 1 de outubro de 2015 e rematarán o 17 de xuño de 2016. Os grupos precisan un número mínimo de participantes para poder realizar cada actividade, que se estableceron en seis persoas en inglés, oito en pintura e en novas tecnoloxías, doce en actividades deportivas, e dez nas culturais, a non ser nas de gaita e percusión, sen mínimo.
O Concello de Brión mantén a bonificación do 50 % do custo da actividade nos casos de inscrición nunha segunda actividade, e tamén descontos especiais para as familias, non acumulables coa bonificación anterior. Así, as familias con dous fillos obterán unha bonificación do 50 % en todas as actividades do seu segundo fillo. As familias numerosas contarán cunha bonificación do 100 % a partir do terceiro fillo, é dicir, neses casos as actividades serán gratuítas.