Friday 22 de November de 2024

Exhibicións de baile, música, patinaxe, contacontos e sorteo de agasallos centran o programa Anima Rúa


Preto dun centenar de establecementos comerciais da cidade continúan sorteando agasallos a través do programa Anima Rúa, organizado polo Concello en colaboración coa Asociación de Comerciantes de Narón. Dende o pasado luns e ata mañá entregarán cada día 90 paraugas –un por establecemento adherido á ACN- entre as persoas que realicen as súas compras nestes locais, debidamente identificados. A maiores, con esas rifas, a clientela terá a oportunidade de participar no sorteo de catro vales de experiencias –valorados en 250 euros cada un- que se sortearán este sábado, día 28, no acto central deste programa, que se desenvolverá a partir das 12.00 horas na Praza da Gándara, tal e como recordou o edil de Promoción Económica, David Pita.

A proposta enmárcase na campaña municipal “Merca en Narón. Facemos cidade” e inclúe ao longo da mañá e tarde do sábado varias exhibicións de baile, patinaxe, musicais, concertos e contacontos, dirixidos a persoas de todas as idades. Ás 12.00 e ás 13.15 horas alumnado das academias de baile All Dance e CompArte realizará exhibicións e ás 13.45 comezará o concerto de Ainai (tributo a Bob Marley), para continuar ás 14.15 cun concerto de Isma Taboada. A música seguirá pola tarde, ás 15.00 horas co contacontos musicado de Música Miúda, e ás 15.45 horas con RockSchool. Ás 17.15 horas terá lugar unha exhibición do club de patinaxe CPAX Eiriz e ás 17.45 outra da academia de música 2Plicas.

O sorteo dos vales de experiencias –tres, debido a que un se entregará a través das redes sociais- será ás 18.45 horas. As persoas que desexen consultar toda a información poden facelo a través da web: www.comerciodenaron.com.