Friday 22 de November de 2024

O Concello de San Sadurniño abre o día 1 de xuño o prazo de solicitude da Aldea de Verán


O servizo de conciliación oferta 35 prazas para os meses de xullo e agosto

 

A Aldea de Verán é un recurso socioeducativo ofrecido polo Concello de San Sadurniño co que se pretende facilitarlles ás familias unha opción máis de conciliar a vida laboral coa atención dos nenos e nenas durante as vacacións estivais. O servizo oferta este ano un máximo de 35 prazas para rapazada de entre 3 e 12 anos e desenvolverase nos meses de xullo e agosto, coa posibilidade de elixir entre dous horarios de entrada, un a partir das 8:30h e outro desde as 9:30h, rematando en ambos casos ás 14.30h. O prazo de solicitude para a primeira quenda, a de xullo, estará aberto entre o 1 e o 10 de xuño. As familias empadroadas en San Sadurniño -que terán prioridade na asignación do servizo- tamén poderán solicitar praza para o mes de agosto nese mesmo período.

En canto á prioridade das admisións, regra xeral é ir adxudicando as prazas segundo a orde de entrada no rexistro municipal -sexa presencial ou telemática- e dándolle preferencia a quen solicite para un mes completo e para o horario de 8.30 a 14.30h. sobre quen solicite o servizo por quincenas ou para o horario de 9.30 a 14.30h.

Con todo, o principal criterio de acceso será que as familias solicitantes estean empadroadas en San Sadurniño. Despois delas poderán entrar aquelas que, aínda non estando empadroadas en San Sadurniño, teñan vinculación laboral co municipio. En terceiro lugar en orde de prioridade estarían as familias que non sexan de San Sadurniño pero que teñan as crianzas matriculadas no CPI. Para todas as demais solicitudes que non se encontren en ningún dos casos anteriores (no caso de quedar aínda prazas) só se tomará como referencia a data en que se rexistrase a petición.

Quendas e horarios
A Aldea de Verán desenvolverase durante os meses de xullo e agosto cun horario global de 8:30 a 14:30 horas de luns a venres dividido en dúas quendas: unha de 8:30 a 14:30h -para este horario ampliado só se ofertan 10 prazas- e outra con entrada entre as 9:30 e as 10:00h e remate igualmente ás 14.30 horas.

As matrículas poderán formalizarse en dous períodos: desde as 8:30h do 1 de xuño ata as 14:30h do 10 de xuño para o servizo do mes de xullo, e das 8:30h do 1 de xullo ás 14:30h do 12 de xullo para a Aldea de Verán durante o mes de agosto. As familias de San Sadurniño poderán reservar praza para todo o programa durante o primeiro período pagando os dous meses. Só poderán pagar as familias que figuren empadroadas no concello, mentres que as de fóra deberá, agardar a que lles confirmen antes a praza.

Outras cuestións para ter en conta
Ao programa poderán asistir nenos e nenas desde os 3 ata 12 anos, pero non se admitirán solicitudes de menores que non estivesen xa escolarizados no curso 2021-2022. É dicir, poderán asistir pequenos de 3 anos que cursasen este ano o primeiro curso do 2º Ciclo de Educación Infantil, pero non os que aínda vaian empezalo en setembro.

Outra cuestión que se debe ter moi presente é que, preferentemente, as solicitudes e o resto de documentación ha de presentarse a través da Sede Electrónica. Para rexistrar as solicitudes presencialmente no Concello será obrigatorio solicitar cita previa chamando ao 981 490 027. Nesa chamada tamén se deberá indicar se unha mesma persoa vai presentar as solicitudes de unha ou máis familias e, nese caso, deberá achegar obrigatoriamente as follas de representación asinadas polas persoas interesadas, xunto coa copia dos seus DNIs.

Prezos
Os prezos públicos da Aldea de Verán 2022 publicáronse no BOP do pasado luns, 16 de maio. Son os mesmos que o ano pasado e as contías varían dependendo do número de membros da unidade familiar e dos horarios elixidos:

Horario de  8:30 a 14:30h                                                                   Horario de 9:30 a 14:30h
1º Membro da unidade familiar 110€                                             80€
2º Membro da unidade familiar 75€                                              50€
3º Membro da unidade familiar 45€                                              30€