Friday 22 de November de 2024

Cortan os circuitos de aire e o cableado eléctrico de varios vehículos de recollida de lixo


A Policía Nacional investiga a sabotaxe acontecido a pasada noite do 25 de maio na nave que a empresa concesionaria do servizo de limpeza do concello de Santiago de Compostela, Urbaser, ten no Polígono do Tambre. Cortaron os circuitos de aire e o cableado eléctrico de varios vehículos de recollida de lixo. Son cortes limpos, realizados, segundo o parte da policía local, e tal e como se pode apreciar nas fotografías adxuntas “cun obxecto cortante”.

A pesares de que houbo sete vehículos afectados, puido levarse a cabo o servizo de recollida de lixo. En principio sairon cinco camións que non estaban danados: tres de carga lateral e dous de carga traseira. A concelleira de Medio Ambiente, Mila Castro, en nome do Concello de Santiago, agradece a implicación da empresa Urbaser e o traballo dos operarios que estiveron toda a noite, ata altas horas da madrugada, reparando os vehículos saboteados. Tres destes cambións puideron realizar o servizo. “Afortunadamente, o servizo xa está operativo, e a cidade amenceu limpa, aínda que hai dous vehículos que non se puideron reparar”. Tanto Mila Castro, como o concelleiro de Seguridade Cidadá, Gonzalo Muíños, trasladáronse ao lugar dos feitos, onde estiveron varias horas, ata que comprobaron que se podía levar a cabo a prestación do servizo de recollida de lixo.

A concelleira sinala que con este tipo de actos vandálicos, a quen máis afectan é a veciñanza. Aclara que se trata dunha sabotaxe intencionada, realizada nun momento moi importante para Santiago, en plenas festas da Ascensión, “sabendo o dano que fan, nunha noite de gran afluencia de xente polas rúas e de gran actividade hosteleira”. “Un delito”, indica, especialmente grave pola súa intencionalidade: deixar á cidadanía sen servizo de recollida de lixo en plenas Festas da Ascensión.

Este intento de sabotaxe tamén se trasladou á planta de residuos de Formarís, onde un operario detectou clavos colocados coa suposta intencionalidade de pinchar as rodas dos vehículos cando ían descargar e inutilizalos. Afortunadamente puideron retirarse sen que ningún cambión resultase afectado.