Friday 22 de November de 2024

A Xunta organiza no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Guísamo un curso sobre o manexo e mantemento de ferramentas eléctricas


Programada pola Axencia Galega da Calidade Alimentaria, a acción está prevista do 31 de maio ao 3 de xuño, cun total de 16 horas lectivas en horario de tarde

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, ten previsto celebrar en Bergondo un curso sobre o manexo e o mantemento de ferramentas eléctricas no sector agroforestal. Programado no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Guísamo, está previsto do 31 de maio ao 3 de xuño, en horario de 16,00 e 20,00 horas.

Así, ao longo de 16 horas lectivas, buscarase que os participantes adquiran destrezas no uso de ferramenta de taller co obxectivo de facer o mantemento e pequenas reparacións en instalacións, maquinaria ou apeiros que se usan no sector agroforestal. Incidirase de xeito importante na seguridade e prevención de riscos laborais, optimizando en todo caso o tempo e o rendemento do traballo.
Nesa liña, cabe apuntar que haberá sesións prácticas presenciais de distintas tarefas, como de perforado, abelanado e roscado co trade; de desbarbado e corte por medio dunha amoladora, así como de serrado, esmerilado e soldadura de diversos materiais.

Esta iniciativa está dirixida en xeral a calquera persoa vinculada profesionalmente cos sectores produtivos relacionados coa agricultura, gandaría, industria agroalimentaria e cadea forestal-madeira, así como a mozos e mozas do medio rural galego e a persoas con expectativas de incorporación ao sector.
A Axencia Galega da Calidade Alimentaria, a través da formación non regrada e dentro do Plan de formación continua 2022, pretende contribuír á consecución do aumento da competitividade do sector agrícola e forestal tanto a nivel técnico como económico mediante a oferta de cursos coma este.
Cómpre lembrar que a Consellería do Medio Rural conta cun plan de accións formativas e de transferencia para este ano 2022 que pode consultarse no seguinte enlace: https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/accions-formativas. Precisamente nesta páxina pode atoparse o referido curso e descargar as solicitudes de preinscrición correspondentes, que deben remitirse cubertas ao enderezo electrónico cfea.guisamo@edu.xunta.gal. Para consultar calquera dúbida, pode chamarse ao teléfono o 881 881 043.