64 persoas solicitaron participar nos cursos de capacitación técnica para utilizar as instalacións
A Casa da Cultura de San Sadurniño acolleu onte martes a presentación da que será a primeira acción formativa que se imparta no Centro de Transformación Agroalimentaria A Fusquenlla, centrada na produción de conservas de horta e froita e na capacitación técnica para manexar todo o equipamento do que dispoñen as instalacións. Ao peche do período de solicitudes recibíronse 64 peticións para un curso que, por cuestións de espazo e de aproveitamento, ofertaba tan só 15 prazas. Na súa adxudicación terase en conta, principalmente, que as persoas solicitantes vivan do sector primario e que se comprometan a utilizar o espazo para darlle maior valor engadido aos seus produtos. Os concellos promotores -Moeche, San Sadurniño, Cerdido e Valdoviño- asignarán as prazas nestes días con idea de que o curso poida desenvolverse ao longo do mes de xuño e de que os primeiros elaborados poidan saír da Fusquenlla a partir de finais do verán ou comezos do outono.
Que se adxudiquen agora estas prazas non significa que as demais solicitudes vaian quedar sen formación. De feito está previsto crear un segundo grupo doutras 15 persoas para levar a cabo o mesmo curso no mes de xullo. As restantes peticións -e aquelas que se poidan recibir a partir de agora- quedarían xa anotadas para os que se programen dentro dun calendario que pretende ser estable de ano en ano.
Neste sentido, a Deputación da Coruña -A Fusquenlla forma parte da súa rede de espazos de traballo colaborativo- achegará financiamento para as actividades formativas de carácter técnico que permitan poñer en marcha o centro e que contribúan logo ao seu funcionamento. Por outra banda, a Axencia Galega da Calidade Alimentaria (AGACAL-Consellaría do Medio Rural), a través da Oficina Agraria Comarcal de Ferrol, tamén avanzou o seu compromiso de colaborar nos cursos que se programen para o 2023.
O primeiro que se vai impartir á volta duns días centrarase exclusivamente na transformación de produtos hortofrutícolas e dividirase en oito módulos -63 horas de teoría e práctica- sobre seguridade hixiénico-sanitaria e o uso correcto das instalacións e dos equipos, co obxectivo de poder elaborar produtos atendendo aos requisitos legais e de trazabilidade establecidos.
Tal e como se insistiu onte durante a presentación, esixiráselles ás persoas participantes que asistan a polo menos o 90% das horas de cada módulo e tamén será necesario que superen con suficiencia todos e cada un dos apartados formativos para poder ser admitidas despois como usuarias ou usuarios da Fusquenlla.
Á xuntanza informativa celebrada na Casa da Cultura de San Sadurniño asistiron 48 das 64 persoas que botaron solicitude para o curso, mentres que as 16 restantes que non puideron vir escusaron a súa ausencia por distintos motivos inaprazables e reiteraron o seu interese en que o proxecto as teña en conta. Na súa maioría proceden dos municipios impulsores da iniciativa pero tamén doutras zonas, tanto da comarca -Neda, Narón, Ferrol, Mugardos, As Pontes, Monfero, etc.- como do territorio do Proxecto do Xeoparque do Cabo Ortegal.
En relación co proxecto que aspira ao recoñecemento da UNESCO, o edil de Desenvolvemento local de San Sadurniño, Manolo Varela, incidiu trala presentación en que A Fusquenlla “é unha das iniciativas máis importantes para o sustento da candidatura a xeoparque e, por descontado, é un proxecto pioneiro arredor do que queremos asentar un modelo de produción agroalimentaria sostible que aproveite os nosos saberes e todo o potencial da zona en canto a horta, froita e mel”.
Pola súa banda, a rexedora de Moeche, Beatriz Bascoy, destacou que o centro de transformación agroalimentaria “é un proxecto ilusionante e moi ambicioso, pero tamén moi difícil de sacar adiante para concellos pequenos e con poucos recursos coma os nosos”.
A alcaldesa lembrou a este respecto que a remodelación e a dotación das instalacións situadas en Moeche foi posible gracias á implicación dos concellos, da Deputación da Coruña, da Xunta e do GDR Seitura 22 como entidade encargada de avaliar os proxectos beneficiarios dos fondos Leader. “Chegamos ata aquí e agora o importante é a resposta da xente”, dixo Bascoy aludindo aos anos que se leva traballando nun proxecto “de apoio ao medio rural” que, por fin, vai botar a andar con este primeiro curso de capacitación.
Ás previsións de entrada en funcionamento do centro -que xa está totalmente equipado e con número de rexistro sanitario- referiuse Manolo Varela : “Tiñamos previsto facer un curso antes do verán e outro despois. Pero finalmente imos organizalos os dous agora, un en xuño e outro en xullo. Nos próximos días contactaremos cos participantes, 30 en total nestes dous cursos iniciais, e traballamos coa idea de que poidan empezar a utilizar as instalacións coas colleitas de finais do verán e comezos do outono”.
A Fusquenlla é un espazo para a elaboración de conservas vexetais de horta e froita, cogomelos, zumes, marmeladas, mel, etc., onde as pequenas explotacións e particulares poderán procesar a súa produción, xa sexa para autoconsumo ou para dárlle saída aos excedentes. Todas as persoas interesadas en participar na iniciativa poden ampliar información na web www.afusquenlla.gal e seguir anotándose no formulario para futuras accións formativas e de capacitación técnica que se vaian realizar nas instalacións, situadas no recinto feiral de San Ramón.