Friday 22 de November de 2024

O Concello asumirá as obras para solucionar as filtracións na sede da Fundación Luís Seoane, orzamentadas en 700.000 euros


Esta reforma, fundamental para protexer o legado de Seoane, forma parte do acordo orzamentario entre o goberno local e a Marea Atlántica

Está previsto iniciar este ano a licitación do proxecto, que actualizará o deseñado en 2018

O Padroado da Fundación Luís Seoane tomará coñecemento o vindeiro venres 27 de maio, do compromiso do Concello da Coruña para asumir os traballos de impermeabilización necesarios para solucionar as filtracións na sede da entidade, unha medida fundamental para protexer o legado do artista. A entrada de auga no edificio é un problema que se repite nos últimos anos, e pode chegar a poñer en risco a conservación das obras dun dos artistas máis recoñecidos da cultura galega.

Estes traballos están orzamentados en 700.000 euros, e forman parte do acordo asinado entre a Marea Atlántica e o goberno local, que fixo posible a aprobación das contas para este ano. Está previsto iniciar a licitación ao longo deste 2022, actualizando o proxecto deseñado en 2018.

Deste xeito, sáldase unha conta pendente coa Fundación e coa legado de Luís Seoane, figura central nas artes plásticas e da vida cultural do século XX, tanto no exilio ao que o obrigou a súa loita contra o franquismo, coma no seu regreso a Galicia. Protexer a súa memoria é unha obriga que o Concello da Coruña asume con responsabilidade e orgullo.

A Fundación Luís Seoane custodia o arquivo epistolar e documental do artista, doado pola súa viúva, María Elvira Fernández López (coñecida como Maruxa Seoane), ademais de 200 cadros ao óleo, toda a obra gráfica editada por Seoane e máis dun milleiro de bosquexos e primeiras edicións. Un valioso legado que merece toda a protección posible.