O proxecto, valorado en 70.000 euros, contempla a ampliación da calzada, pavimentación e sinalización.
As obras de execución do proxecto de mellora da estrada que discorre polos núcleos do Chamusco e Arén, na parroquia de Cabovilaño, están xa en marcha. O alcalde, José Manuel López Varela, e o concelleiro de Obras Públicas, Jesús Souto, desprazáronse ata o lugar das actuacións para manter unha reunión co director de obra e interesarse polo desenvolvemento dos primeiros traballos.
Para posibilitar a execución da intervención será preciso proceder ao corte temporal á circulación da vía desde O Cancelo de Abaixo e ata Arén. Farase a partir de mañá e durante varios días, permitíndose unicamente o acceso ás vivendas. As estradas alternativas serán a AC-552 e as do parque empresarial.
Grazas a estas obras aproveitaranse os sobreanchos da calzada resultantes das aliñacións das construcións e peches de parcelas particulares realizados nos últimos anos, polo que se gañará máis de un metro de amplitude media. O proxecto, que tamén inclúe a renovación do pavimento da vía e a sinalización horizontal e vertical, dará resposta ás necesidades que presenta a estrada ante o incremento de tráfico que está a rexistrar polo seu emprazamento próximo ao polígono industrial.
O investimento para o financiamento do proxecto situarase en torno aos 70.000 euros.