O Concello da Pobra do Caramiñal e a empresa Piratas de Nabia colaboran polo cuarto ano consecutivo para ofertaren sete travesías ao Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas e unha saída para coñece-la Ruta Xacobea do Mar da Arousa e río Ulla; un conxunto de viaxes en catamarán que reforzan a aposta por diversifica-la oferta turística por parte da Administración local cara á época estival, cun calendario de actividades de lecer que se irá incrementando.
A concelleira do Turismo, Charo Varela (Nós Pobra), xunto coa técnica municipal desta área, Ángeles Tubío, manifestou que se impulsa este programa, pois “é un gran reclamo”, proporcionando así distintas experiencias.
As travesías náuticas inauguraranse no 19 de xuño coa visita ás Cíes para, no día 25, dirixirse a Sálvora, na coñecida como ruta Starlight.
No mes de xullo terá lugar a excursión a Ons, no día 10, e regresarase a Sálvora, no día 17. Ademais, navegarase pola Ruta Xacobea do Mar da Arousa e río Ulla, no Día de Galicia, 25 de xullo.
As viaxes proseguirán no mes de agosto coa volta a Ons e Sálvora, nos días 14 e 28 respectivamente.
E, finalmente, concluirán no 11 de setembro co retorno ás Cíes.
As reservas débense formalizar con antelación a través da páxina web www.piratasdenabia.com ou do teléfono de contacto 986320048. Habilítanse tamén tres canles para a resolución de dúbidas: www.apobra.gal/turismo, 671090262 e 687482835. A empresa xestionará directamente a tramitación das autorizacións de entrada ao Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas.