A praza de abastos da Pobra do Caramiñal participa na campaña internacional Quere o teu mercado, coa cal se busca pór en valor o papel dos mercados municipais como axentes revitalizadores das vilas onde se atopan, ademais de ofrecer un amplo abano de alimentos frescos e de calidade con atención personalizada. Foméntase así o consumo de produtos de proximidade, contribuíndo tamén á dinamización da economía local.
A concelleira da Promoción Económica, Charo Varela (Nós Pobra); a técnica municipal desta área, Sara Sánchez; e o responsable do mercado municipal pobrense, Manuel Pardavila, anunciaron que no 28 de maio, dende as 11.30 ata as 12.30 horas, se desenvolverán na praza de abastos unha degustación de petiscos elaborados a base de produto local por parte da cafetaría do Centro Sociocomunitario e animación musical tradicional da man do grupo Trécola. A maiores, repartirase material promocional entre os praceiros e praceiras doado pola Xunta de Galicia.
Estas actividades adscríbense ao programa que impulsa a Dirección Xeral de Comercio e Consumo co obxectivo de apoiar, promocionar e visibiliza-los mercados e os/as profesionais que traballan neles.