A alcaldesa participou neste encontro de cidades atlánticas e expuxo as liñas principais que marcan a acción municipal
A rexedora asinou en nome do Concello unha declaración contra o cambio climático á que tamén se adheriron San Sebastián, Xixón, Biarritz e Viana do Castelo
A alcaldesa Inés Rey participou este mércores no foro urbano atlántico ‘Atlantic Cities’, rede europea de carácter transnacional que representa os intereses e as iniciativas das diferentes autoridades locais de urbes bañadas polo océano Atlántico. A entidade está formada por localidades de distintos países como Irlanda, Reino Unido, Francia, España ou Portugal. Moitos dos seus representantes públicos desprazáronse estes días a San Sebastián, onde se celebraron os diferentes relatorios.
Inés Rey presentou neste foro o modelo de cidade no que traballa o Concello da Coruña. A alcaldesa participou na sesión ‘A transformación das cidades atlánticas derivadas do cambio climático’, no que explicou os grandes eidos de acción do seu Goberno na busca dunha Coruña máis saudable, sostible e amable coas persoas.
“Dispoñemos dunha estratexia local contra o cambio climático baseada na mobilidade e na redución de emisións”, sinalou Inés Rey, que explicou a súa política de reconfiguración de espazos públicos para gañar terreo para a cidadanía. No referido á redución de emisións, a alcaldesa destacou a posta en marcha dun operador enerxético municipal e a renovación integral da iluminación exterior da cidade por máis de 30 millóns de euros. “Cambiaremos as lámpadas obsoletas por dispositivos de última xeración, con tecnoloxía led regulable por tramos horarios que mellorará a calidade da iluminación e suporá un importante aforro enerxético”, apuntou a rexedora Inés Rey quixo tamén destacar que A Coruña anticipouse á implantación das normas estatais que limitan a velocidade nas vías dun solo carril coa iniciativa Coruña 30. “Os resultados son moi positivos, con descensos importantes da velocidade e da intensidade media de vehículos desde outubro do 2019”, apuntou Rey.
Peonalizacións e rede ciclable
Outro dos eixes centrais do Goberno de Inés Rey é o programa Coruña Camiña, que tamén explicou a rexedora neste encontro xunto a outras cidades. “O seu obxectivo central é recuperar espazos para a cidadanía. En tres anos de mandato gañamos 35.000 novos metros cadrados, dotando a todos os barrios dunha maior calidade urbana”. O Concello leva executadas 35 actuacións neste programa por un importe de máis de 7,5 millóns de euros.
Nese sentido, Inés Rey tamén presentou en ‘Atlantic Cities’ a Rolda Peonil, un dos proxectos “máis ambiciosos” do Goberno municipal. Trátase dun conxunto de rúas de 3,5 quilómetros de percorrido que están a ser adaptadas para dar prioridade aos peóns sobre os vehículos.
Neste momento hai completados sete tramos.
Ademais, a rede ciclable da cidade sitúa á Coruña entre as dez urbes nacionais con máis quilómetros destes espazos. “Temos máis de 50 quilómetros de carril bici e redes para ciclistas que seguimos ampliando”, apuntou a alcaldesa durante o coloquio. O Concello está a piques de implantar a renovación da frota de bicicletas de BiciCoruña, que incorporará un 30 % de vehículos eléctricos e ampliará as estacións do servizo a 55, repartidas por todos os barrios.
Declaración contra o cambio climático
“A Coruña quere dar un paso máis e ser un auténtico exemplo para toda España no desenvolvemento de políticas en liña cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible”, sinalou Inés Rey na conferencia celebrada en San Sebastián. A alcaldesa, ademais, asinou unha declaración das cidades atlánticas para loitar contra o cambio climático e os seus efectos desde as distintas administracións. No texto, as entidades asinantes comprométense a buscar solucións para frear a pegada das cidades sobre o planeta a través de políticas sostibles. Ademáis da Coruña, adheríronse tamén ao pacto San Sebastión, Xixón, Biarrizt e Viana do Castelo.
Forman parte da rede ‘Atlantic Cities’, ademais da Coruña, Cork (Irlanda), a mancomunidade urbana de Chebourg en Contentin (Francia), Rennes e Rennes Metropôle (Francia), a mancomunidade urbana de Brest (Francia), a mancomunidade urbana de Lorient (Francia), a mancomunidade urbana de La Rochelle (Francia), a mancomunidade urbana de Saint Nazaire (Francia), a mancomunidade urbana de Frand Poitiers (Francia), San Sebastián, a Deputación de Gipúzcoa, Santander, Avilés, Xixón, Santiago de Compostela, Las Palmas de Gran Canaria, Viana do Castelo (Portugal), Lisboa (Portugal) e Faro (Portugal)