Friday 22 de November de 2024

As Mostras de fin de curso das Escolas do Padroado da Cultura continúan este mes no Auditorio municipal  e no Pazo da Cultura


As Escolas do Padroado da Cultura de Narón celebran estes días as mostras de finais de curso, no Auditorio municipal e no Pazo da Cultura no caso da Escola de Teatro de Narón, con acceso libre. A alcaldesa da cidade e presidenta do Padroado da Cultura, Marián Ferreiro, destacou “a traxectoria destas Escolas Culturais e a implicación do persoal docente e de todo o alumnado por convertilas nun referente dentro e fóra da nosa cidade”, ao tempo que animou á cidadanía a presenciar, de balde, as actuacións proxectadas nos vindeiros días.

A Escola de Teatro de Narón ten programada para esta mesma tarde, a mostra de fin de curso do alumnado de primeiro, segundo e terceiro curso de Interpretación, ás 20.30 horas no Auditorio, na Praza de Galicia e o Pazo da Cultura acollerá a esa mesma hora o Festival de Fin de curso das Escolas de Música e Baile tradicional. A continuación, mañá terá lugar a Mostra do Obradoiro teatral infantil, no Auditorio, ás 16.30 horas e tamén a Mostra de Voz e Dicción (segundo e terceiro curso) ás 20.30 no Auditorio. As representacións programadas esta semana continuarán o venres ás 20.30 no Auditorio coa Mostra do Obradoiro teatral de Adultos do Alto e a esa mesma hora no Pazo co festival de fin de curso das Escolas de Música e de Baile tradicional. O domingo 29 ás 18.00 horas o Auditorio acollerá a Mostra dos Obradoiros Teatrais infantís e xuvenís.

Finalmente, o luns 30 de maio ás 16.30 no Auditorio será a mostra do obradoiro teatral infantil e ás 20.30 a do obradoiro teatral de adultos Sedes, e o 31 de maio ás 20.30, na mesma ubicación, o espectáculo de Teatro musical do Practicum da Escola de Formación de Actrices e Actores.

“Remata un curso no que o alumnado das Escolas Culturais do Padroado tivo tamén a oportunidade de participar en diferentes eventos organizados tanto dentro como fóra do concello, amosando parte do traballo realizado nestes meses, polo que os quero felicitar, ao alumnado e ao profesorado”, recalcou Ferreiro.