Friday 22 de November de 2024

O goberno local leva mañá ao pleno unha modificación de crédito para investir na cidade 2,5 millóns de euros


A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, anunciou que o goberno local levará ao pleno de mañá xoves unha modificación de crédito por importe de 2.500.015 euros. “Trátase dunha contía moi importante que nos permitirá levar a cabo actuacións moi necesarias en diferentes zonas do núcleo urbán e tamén do rural da cidade e que dende o grupo de goberno consideramos prioritarias nas diferentes áreas”, recalcou.

Ferreiro destacou entre as actuacións contempladas a urbanización de viais na Solaina, por un importe de 169.888 euros; melloras en accesibilidade por un importe duns 500.000 euros, como as previstas na estrada de Castela, Cidade Europa, Santa Icía e Virxe do Mar ou no complexo polideportivo municipal da Gándara, no Centro Comunitario Manuela Pérez Sequeiros e outras como unha rampa para o colexio Virxe do Mar, e a pavimentación da plataforma exterior do Centro Municipal de Formación Irmás Froilaz. A maiores, tamén se contemplan obras como a demolición do antigo cuartel da Garda Civil de Xuvia -247.727-, a ampliación da rede de saneamento en San Mateo -156.997-, melloras en eficiencia enerxética valoradas nuns 140.000 euros, para unha instalación fotovoltaica de autoconsumo no pavillón da Gándara e melloras na estrada de Cedeira, unha senda peonil no camiño de Igrexa a Braña, en Doso -80.634 euros-, o acceso ao muíño de Prados -48.236-.

Campañas dirixidas ao sector comercial e empresarial -57.600-, accións para fomentar a inclusión social de determinados colectivos, a elaboración dun estudo sobre as mulleres en Narón, o programa Envellecemento Activo, mellora de xogos e de centros de ensino, un programa de dinamización nos centros cívicos e algúns eventos nas áreas de festas e feiras e mercados están tamén contemplados nesta modificación de crédito.

“Incluímos investimentos en todas as áreas municipais para consolidar certos proxectos que tiñamos previstos e, ao mesmo tempo, incluír outros novos que nos permitan seguir avanzando no modelo de cidade que queremos, definindo o seu futuro”, asegurou a alcaldesa. Con este obxectivo, indicou, priorizáronse estes investimentos, “para continuar atendendo necesidades da veciñanza a todos os niveis” e recordou que ademais representarán unha fonte de xeración de emprego tendo en conta os contratos para proceder á execución das diferentes actuacións.