Saturday 16 de November de 2024

Miño inicia o proceso de contratación de 28 persoas para atender os servizos da tempada de verán


• Incorporaranse 14 socorristas para mellorar a atención nos areais do municipio desde os meses de xuño a setembro.

• Tamén se contratarán catro controladores de aparcamento, dous limpadores de baño, dous auxiliares de Policía Local, un técnico de turismo e cinco operarios.

O Concello de Miño prepárase para a tempada de verán. Para iso acaba de iniciar os trámites para a contratación de 28 persoas coas que mellorar os distintos servizos que se ofrecen nas praias municipais durante a tempada de verán. Incorporaranse 14 socorristas, catro controladores de aparcamento, dous limpadores de baño, dous auxiliares de Policía Local, un técnico de turismo e cinco operarios.

O Boletín oficial da provincia da Coruña recolle as bases das convocatorias para a contratación de 8 socorristas, os catro controladores de aparcamento, os dous limpadores de baño e o técnico de turismo. As outras seis prazas de socorrismo contrataranse a cargo dunha subvención autonómica, unha praza de operario a través do programa autonómico APROL e as outras catro valéndose do PEL provincial. No caso da Policía Local, o trámite de selección fíxose pola Academia Galega de Seguridade, coa que o Concello ten un convenio asinado.

Os contratos permitirán reforzar os servizos durante o verán e segundo semestre do ano. As e os socorristas seleccionados, xunto cos limpadores para a limpeza de baños traballarán na Praia Grande, en Ribeira e en Perbes. No caso do persoal para controlar o aparcamento, a súa función será a vixilancia e control das zonas ORA da Praia Grande de Miño.