As crianzas nadas entre o 1 de xaneiro e o 22 de maio teñen dende hoxe 15 días para solicitar as achegas municipais
O Concello de Boqueixón abre o prazo de presentación de solicitudes para as axudas ás familias para sufragar parcialmente os custes derivados do nacemento e/ou acollemento ou adopción de nenos e nenas empadroados no municipio. Unhas axudas convocadas por primeira vez en 2021 e nas que este ano o Concello de Boqueixón duplica a contía das achegas, que pasan dos 200 aos 400 euros por familia.
Unha iniciativa á que o Concello de Boqueixón destina 8.000 euros, “ampliables se fose preciso”, puntualiza o alcalde de Boqueixón, Manuel Fernández Munín, xa que “con esta iniciativa, ademais de axudar economicamente ás familias, queremos apoiar ao noso comercio local, polo que o gasto terá que facerse en empresas radicadas en Boqueixón”.
Isto é así porque as axudas outorgaranse en réxime de concorrencia non competitiva e con independencia da renda familiar. Unhas axudas de 400 euros para todos os nenos e nenas nados, acollidos ou adoptados entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2022. Unha achega que será de 500 euros no caso de acreditar unha discapacidade da crianza dun 33% ou superior.
Solicitudes
Para poder solicitar as axudas é preciso que a familia estea empadroada en Boqueixón (incluído o menor recén nacido) no momento de presentar a solicitude e comprometerse a seguir empadroada un mínimo de 3 anos. Así mesmo, será necesario non ter pendente de xustificar subvencións outorgadas polo Concello nin estar en ningún dos supostos de prohibición para a percepción de subvencións que establece a Lei.
Os cartos deberán ser gastados en beneficio do neno/a: cueiros, lácteos e alimentos infantís, roupa, calzado, enxoval, produtos de hixiene infantil, medicamentos ou calquera outro tipo de produtos receitados polo facultativo de pediatría. Uns produtos que deberán ser adquiridos en establecementos comerciais emprazados no municipio de Boqueixón.
As persoas interesadas poderán presentar a súa solicitude preferiblemente por vía electrónica a través do formulario dispoñible na sede electrónica municipal (https://sede.boqueixon.com). Así mesmo, poderanse presentar solicitudes de forma presencial no Rexistro Xeral do Concello de Boqueixón. O Concello de Boqueixón establece dous prazos de presentación de solicitudes:
– Para as persoas nadas, acollidas ou adoptadas entre o 1 de xaneiro de 2021 e o 23 de maio, o prazo será de 15 días naturais (contados a partir do 24 de maio).
– Para as persoas nadas, acollidas ou adoptadas entre o 24 de maio e o 31 de decembro, o prazo de solicitude será de 15 días naturais a partir do día seguinte ao nacemento, acollida ou adopción.