O Concello aproba o convenio con ADIF para crear unha ferramenta interactiva de intercambio de información entre ambas as partes
O Goberno local convoca axudas ao sector do taxi co obxectivo de facelo máis accesible e impulsar os vehículos eléctricos e híbridos
O Concello da Coruña aprobou esta mañá en Xunta de Goberno Local un convenio coa ADIF que ten por obxectivo impulsar a creación dunha comunicación en tempo real entre ambas as administracións que beneficiará ás persoas usuarias do servizo ferroviario na cidade.
O proxecto Coruña Conecta, que o Goberno de Inés Rey impulsa cun orzamento de 5 millóns de euros, incluirá datos en tempo real da chegada e partida de trens desde a estación de San Cristovo. O obxectivo é mellorar a experiencia dos viaxeiros e viaxeiras que cheguen á cidade, así como a da cidadanía que utilice estas instalacións.
ADIF proporcionará ao Concello información sobre horarios e incidencias no seu servizo, así como indicadores de niveis de CO2 nas súas instalacións e outros parámetros medioambientais. A futura aplicación tamén terá información sobre a ocupación, os prezos e posibles ofertas ou indicacións sobre as saídas de emerxencia, desfibriladores ou corredores accesibles.
Por outra banda, o Concello proporcionará a ADIF unha serie de datos de interese para os viaxeiros, como información sobre o transporte público, situación do tráfico na cidade, oferta turística e cultura de cada xornada, localizacións de interese público e todo tipo de incidencias destacables
Fomento da seguridade e do taxi eléctrico
A XGL tamén aprobou a convocatoria de apoio económico ao sector do taxi para fomentar a compra de vehículos eléctricos ou con combustibles alternativos, coches adaptados e outras medidas de seguridade. O Concello destinará 70.000 euros a cofinanciar este tipo de melloras.
As axudas consistirán nunha subvención de 3.500 euros para a compra de vehículos eléctricos, 2.500 euros para vehículos híbridos e híbridos enchufables e 1.000 euros para vehículos de combustión alternativa. Por outra banda, o Concello outorgará 3.500 euros de axuda pola adquisición de vehículos adaptados para persoas con diversidade funcional ou mobilidade reducida e 150 euros pola instalación de medios de seguridade como biombos ou GPS. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes desde o día seguinte á publicación da convocatoria no BOP.
O obxectivo do Goberno municipal de Inés Rey con estas axudas é, principalmente, o de ampliar a número de vehículos eléctricos e de combustión alternativa na cidade e, así, mellorar a calidade do aire, reducir a contaminación acústica e as emisións de gases de efecto invernadoiro, así como o consumo enerxético. Procúrase tamén dotar á cidadanía dun maior número de vehículos adaptados e mellorar a seguridade no sector a través de localizadores e biombos protectores.
Licenzas
Por outra banda, o Goberno municipal deu conta das licenzas resoltas durante o período comprendido entre o 5 e o 19 de maio. Houbo un total de 203 expedientes notificados, dos cales 34 foron licenzas urbanísticas e 113 foron obras en réxime de comunicado.
Entre as licenzas concedidas neste período está a de rehabilitación e reforma dun edificio para uso administrativo e de I+D+i, concedida ao Instituto Tecnolóxico de Galicia e que formará parte da futura Cidade das TIC. Nese lugar está prevista a instalación dunha gaiola de malla para a práctica de voo de drons no exterior.
A obra consistirá na resolución dalgunhas patoloxías de pequena importancia no interior e de traballos de reacondicionamento no exterior, que presenta na actualidade un bo estado de conservación. A maiores, crearase esa zona exterior para a práctica con drons. A superficie afectada polas obras na antiga Fábrica de Armas será de 128.000 metros cadrados. O prazo de inicio das obras é de seis meses, o de execución será de catro e o orzamento ascende a 80.000 euros