Saturday 16 de November de 2024

O mércores 1 de xuño abre o prazo de preinscrición para o Verán máis alá! 2022


Un ano máis, a Concellería de Cultura pon en marcha o Verán Máis Alá de Fene, campus lingüístico co que se pretende “facilitar unha alternativa de lecer educativo, na nosa lingua, á vez que se promove a conciliación da vida laboral e familiar”. O programa vai dirixido ao alumnado escolarizado en educación infantil e primaria nado entre os anos 2010 e 2018 (idades de referencia de 3 a 12 anos) e desenvolverase nas instalacións do CEIP de Centieiras do 4 ao 29 de xullo en horario de 8:00 a 14:00 h..

Para participar cómpre ser veciño/a de Fene (empadroado/a en Fene como mínimo dende o 2 de maio de 2022) ou acreditar ter estado escolarizado/a nun centro de ensino do concello ao longo do presente curso escolar. Ademais, novamente, o criterio de selección non será o da orde de inscrición senón a situación socio-laboral das familias.

Ao igual que en edicións anteriores, estableceranse dúas quendas, a primeira do 4 ao 15 de xullo e a segunda do 18 ao 29 de xullo, podendo participar os/as rapaces nas dúas ou só nunha. Ademais, novamente, dividirase en dúas franxas horarias: Madrugadores/as, de 08:00 a 10:00 horas (os nenos e as nenas poderán incorporarse, en frecuencias de media hora, ao longo desta franxa horaria) e Máis alá!, de 10:00 a 14:00 horas (os nenos e as nenas terán que incorporarse ás 10:00 h e saír ás 14:00 h). O número de prazas dispoñibles será de 120, a razón de 60 prazas por quenda.

No Verán máis alá! 2022, os/as rapaces/zas realizarán actividades artísticas e formativas, dende unha perspectiva lúdico-educativa, xogos cooperativos e populares, actividades pre-deportivas e deportivas, actividades acuáticas na Piscina Municipal (só na primeira quincena e durante a primeira semana), así como excursións pola contorna do centro e 1 excursión (na primeira quincena) fóra do noso concello.