Friday 22 de November de 2024

‘Poñer o foco’, lema das Xornadas de Música Contemporánea que se celebran do 1 ao 22 de xuño en Compostela


Neste 2022 as Xornadas contan coa participación da JONDE, Joven Orquesta Nacional de España, como Orquestra Residente, que ofrecerá cinco concertos no Auditorio de Galicia. A programación complétase coa colaboración da Real Filharmonía de Galicia, a Banda Municipal de Música e o Conservatorio Profesional de Música, ademais doutras propostas da man de diversos artistas que poderemos escoitar, ademais de no Auditorio de Galicia, no Teatro Principal, en Praterías e no CGAC.

A concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón, presentou esta mañá no Auditorio de Galicia as Xornadas de Música Contemporánea que este ano se celebran baixo o lema ‘Poñer o foco’, do 1 ao 22 de xuño. Acompañárona na rolda de prensa Xurxo Couto, deputado de Cultura da Deputación de Coruña; Pilar Murias, vicerreitora de Estudantes e Cultura da USC; Santiago Olmo, director do Centro Galego de Arte Contemporánea; e Ana Comesaña, directora artística da Joven Orquesta Nacional de España (JONDE).

Estas Xornadas teñen o obxectivo de promover e difundir as últimas tendencias e a innovación da música contemporánea, poñendo o foco sobre ela e poñéndoa en valor ao carón dos xa considerados clásicos do século XX. Nesta edición das xornadas mantense a mesma liña de traballo e colaboración institucional que caracterizou as edicións precedentes e así, ademais da Universidade de Santiago de Compostela, o Centro Galego de Arte Contemporánea e o Concello de Santiago de Compostela a través do Auditorio de Galicia, colabora tamén a Deputación da Coruña, o Consorcio de Santiago e outras institucións musicais locais. As XMC poñen o foco de forma especial este ano no piano, na formación e tamén na creación, xa que haberá un total de catro estreas en España e de sete estreas absolutas, algunhas delas de obras encargadas especificamente para este programa.

Programación
Ademais, neste 2022 as Xornadas contan coa participación da JONDE, Joven Orquesta Nacional de España, como Orquestra Residente. Os máis novos e novas repasarán a música contemporánea en dous concertos de ensemble contemporáneo, en colaboración co PluralEnsemble, e tres de cámara, do 1 ao 5 de xuño. Será un paseo polos últimos 25 anos de parte da creación musical contemporánea no que os instrumentos clásicos da JONDE se mesturarán coas novas tecnoloxías, ao igual que pasará no resto das propostas que completan o programa. Compositoras e compositores de varias xeracións con estéticas e camiños ben diferentes conflúen en varios programas nos que a electrónica, o vídeo ou a danza terán un papel relevante. Os concertos serán todos no Auditorio de Galicia ás 20.30 h e antes deles (de 19.30 a 20.15 h), terá lugar CARTOGRAFÍA DO PLURAL, con comentarios ao programa con Rosa Fernández.

No cadro destes cinco concertos, estrearanse en España as obras de Georg Friedrich Haas, Missy Mazzoli, Elena Mendoza, e Philip Casian; e serán estreas absolutas as versións con clarinete do Cuarteto conb clarinete de Jesús Torres así como de ‘Möbius’ de Hara Alonso, e de ‘Los acantilados de Jaizkibel”, para frauta solista e orquestra de cámara’ de Alicia Díaz de la Fuente, ambas obras encargos da JONDE para estas Xornadas.

Tras a JONDE, a programación continúa o día 8 co ‘Pasaka’ da pianista María Domínguez no Centro Galego de Arte Contemporánea onde, entre outras obras, poderase escoitar a estrea absoluta de ‘Vaporwave, deadly lazers and crab raves para keytar e electrónica (2022), un encargo de María Domínguez a Diego Jiménez específico para as Xornadas. Antes do concerto, de 19 a 19.30 h poderemos conversar co compositor Diego Jiménez.

O día 9 chega a colaboración, xa habitual nas Xornadas, da Real Filharmonía de Galicia nun concerto homenaxe a Carlos López García-Picos, dirixido por Maximino Zumalave no Auditorio de Galicia. Contaremos con Javier Ares Espiño, piano, e Álex Salgueiro, fagot, cun programa no que se fará a estrea absoluta do concerto para piano-fagot, cordas e percusión de García-Picos, e co que a RFG conmemora o centenario do nacemento do compositor galego.

‘Signos’ é a seguinte proposta dentro das Xornadas, nesta ocasión no Teatro Principal cun programa con obras de Kurtág e Bach. A orixe deste proxecto nace do desexo da violista Isabel Villanueva e o coreógrafo Antonio Ruz por colaborar nunha obra escénica multidisciplinar que abra unha nova xanela á música clásica e a á danza contemporánea.

Continúa a programación o martes 14 da man de Sinforosa Petralia, Rosalía Lasheras e Patrizia Lo Sciuto que presentan ‘Clorindae. Performance de música e danza’ no Teatro Principal, nun espectáculo que combina música de compositoras con danza contemporánea nun intento de retratar a loita das mulleres na sociedade actual.

O xoves 16, nesta ocasión na Praza de Praterías chega outras das colaboracións habituais coas Xornadas: a da Banda Municipal de Música de Santiago. Baixo a dirección de David Fiuza presentan ‘Novos vieiros’, un programa de música contemporánea de autoría ou temática integramente galega con azos de poñer en valor o patrimonio galego máis actual e tamén de rachar co estereotipo de que a música galega que se toca nas bandas é maioritariamente tradicional ou popular.

Pechará o programa destas Xornadas o día 22 no Auditorio de Galicia con ‘Piano arestora’, un proxecto pedagóxico que ten entre os seus obxectivos principais difundir o repertorio actual entre o alumnado do CMUS, espertar o seu interese cara novas propostas estéticas e proporcionarlle a oportunidade de vivir experiencias prácticas o máis achegadas ás profesionais. Así, poderase escoitar neste concerto ao alumnado do Conservatorio Profesional de Santiago.

Información de entradas
As entradas para todos os eventos están dispoñibles desde hoxe, martes 24 de maio, na web compostelacultura.gal ou de forma presencial na Zona C. Punto de Información Cultural (na praza de Cervantes), en horario de martes a sábado de 11 a 14 e de 16 a 19 h. Todas as entradas son de balde previa retirada de convite (máximo de dous por persoa) agás para ‘Signos’ que teñen un prezo de 10 euros (cos descontos do 50% para os colectivos habituais).