Friday 22 de November de 2024

O Concello de Santiago e HM Hospitales asinan un convenio para formar aos traballadores de Tussa en primeiros auxilios e RCP


Os profesionais da empresa municipal realizarán, de maneira gratuíta, cursos teórico-prácticos onde aprenderán protocolos de actuación para responder a emerxencias sanitarias na vía pública como paradas cardiorrespiratorias, desmaios ou accidentes de tráfico. Este acordo afianza aínda máis os vínculos que existen entre a institución compostelá e o Hospital HM Rosaleda establecidos desde fai máis de cinco décadas.

O concelleiro de Mobilidade e Seguridade Cidadá, Gonzalo Muiños, acompañado polo xerente de Tussa, José Ramón Mosquera; o director de Relacións Institucionais e Proxectos Estratéxicos de HM Hospitales en Galicia, Rafael Silva; e da directora médica de HM Hospitales en Galicia, Pilar Múgica, presentaron esta mañá o proxecto “Os minutos da vida”, polo que o Instituto Policlínico da Rosaleda formará sobre reanimación cardiopulmonar (RCP) e primeiros auxilios ao persoal da ORA, para que poidan dar resposta, de maneira rápida e certeira, a potenciais emerxencias que poidan xurdir na vía pública.

O Grupo HM Hospitais impartirá gratuitamente dous cursos nos que os profesionais municipais aprenderán como proporcionar un adecuado soporte vital básico ante paradas cardiorrespiratorias, desmaios de causa descoñecida, accidentes de tráfico ou calquera outra tipoloxía de urxencia sanitaria.

Durante a rolda de prensa, o concelleiro de Mobilidade e Seguridade Cidadá, Gonzalo Muiños, amosouse moi satisfeito con esta colaboración, xa que grazas aos coñecementos adquiridos, “as rúas compostelás disporán de profesionais correctamente instruídos en materia de emerxencias sanitarias, o que, indubidablemente, supoñerá un incremento da seguridade dos veciños e, polo tanto, redundará de forma positiva no día a día da urbe”.

Segundo apuntou Rafael Silva, director de Relacións Institucionais e Proxectos Estratéxicos de HM Hospitales en Galicia, esta iniciativa permitirá “mellorar a formación sanitaria duns traballadores esenciais no día a día da capital galega e seguir consolidando os vínculos que desde hai máis de 50 anos unen ao Concello de Santiago e ao Hospital HM Rosaleda”. Igualmente, o director territorial de HM Hospitales na comunidade aproveitou a súa intervención para sinalar a aposta do Grupo “por proxectos nos que está moi presente a cidadanía”, extrapolando “a excelencia na atención que marca a filosofía de HM Hospitales” a toda a sociedade no seu conxunto.

Á presentación do acordo asistiu tamén a Dra. Pilar Múgica, directora médico de HM Hospitales en Galicia, quen asegurou que “calquera, cun coñecemento básico das técnicas de reanimación, pode ter a oportunidade de salvar unha vida”. Adicionalmente, a Dra. Múgica explicou que “os primeiros minutos tras unha parada cardíaca e respiratoria son cruciais para lograr revertela e mesmo para evitar secuelas”, de aí a importancia de formacións como esta.

HM Hospitales
HM Hospitales é o grupo hospitalario privado de referencia a nivel nacional que basea a súa oferta na excelencia asistencial sumada á investigación, a docencia, a constante innovación tecnolóxica e a publicación de resultados. Dirixido por médicos e con capital 100% español, conta na actualidade con 5.000 traballadores laborais que concentran os seus esforzos en ofrecer unha medicina de calidade e innovadora centrada no coidado da saúde e o benestar dos seus pacientes e familiares.

HM Hospitales está formado por 42 centros asistenciais: 16 hospitais, 4 centros integrais de alta especialización en Oncoloxía, Cardioloxía, Neurociencias e Fertilidade, ademais de 22 policlínicos. Todos eles traballan de maneira coordinada para ofrecer unha xestión integral das necesidades e requirimentos dos seus pacientes.

Actualmente, HM Hospitales en Galicia dispón 4 hospitais con máis de 250 camas e 23 quirófanos que responden a todas as especialidades médicas e cirúrxicas, e conta coa máis avanzada tecnoloxía de diagnóstico por imaxe. Destacan a UCI de adultos e neonatal, os servizos de urxencias 24 horas e urxencias pediátricas, a medicina nuclear e HM Fertility Center, entre outros.