— Ángeles Vázquez salienta o “papel crucial” que desempeñan os máis de 100 traballadores ao servizo destes espazos naturais para garantir a súa protección e divulgar os seus valores entre as persoas que cada anos os visitan
— Convida á cidadanía a “conectar coa natureza” a través da campaña ‘7 días, 7 parques’, concibida para dar a coñecer un recurso turístico de incalculable valor
— A Consellería reúne a persoal dos seis parques naturais e do Parque Nacional das Illas Atlánticas nun evento de confraternidade celebrado nas Fragas do Eume, o mellor exemplo de bosque atlántico de Europa e cuxo PRUX estará listo este ano
— Entre as actuacións previstas neste parque, a conselleira subliñou a recuperación de 75 ha de eucaliptais para crear unha fraga autóctona, cun investimento de 1,3 M€
A Xunta subliñou hoxe que os sete parques galegos exemplifican a gran variedade natural e paisaxística que identifica á Comunidade atraendo cada ano a miles de visitantes, polo que seguirá apostando pola súa posta en valor a través de axudas e investimentos que suman 8,4 millóns de euros.
Co gallo do Día europeo dos parques, cuxo lema este ano é Somos natureza: repensar, restaurar, reconectar, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, participou hoxe nas Fragas do Eume nunha xornada de convivencia dirixida aos máis dun cento de axentes, peóns e outros traballadores que prestan os seus servizos nos seis parques naturais e no Parque Nacional, na que tamén estiveron a delegada da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, e o delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor.
Tras agradecer ao persoal da Consellería o labor que realizan nestes espazos e subliñar o “papel crucial” que exercen para garantir a súa protección e divulgar os seus valores entre os visitantes, Ángeles Vázquez salientou o patrimonio medioambiental de incalculable valor que atesoura Galicia, “unha Comunidade rica en natureza” e que ten nos seus sete parques a súa “mellor carta de presentación en España e en Europa”.
Neste sentido, considerou que, tal e como reflicte o lema escollido este ano para celebrar o Día europeo dos parques, é un bo momento para reflexionar e poñer en valor a riqueza dos recursos naturais e buscar un contacto máis directo con eles.
Así, despois de dous anos nos que, lembrou, a pandemia da covid e os longos períodos de confinamento propiciaron que os galegos redescubriran as súas contornas naturais, convidou a “conectar coa natureza” tanto á cidadanía como ás persoas que visitan a Comunidade atraídas polo reclamo que supón o seu patrimonio medioambiental.
Con este obxectivo a Consellería impulsou este ano a campaña 7 días, 7 parques, unha iniciativa promocional presentada en Fitur en xaneiro coa que se pretende, tal e como explicou Vázquez Mejuto, animar a explorar e coñecer cada un dos seis parques naturais galegos —O Invernadeiro, Serra da Enciña da Lastra, Baixa Limia-Serra do Xurés, Monte Aloia, complexo dunar de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán e Fragas do Eume— e o Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia.
Para garantir que esa experiencia sexa satisfactoria, o capataz do Parque Natural Fragas do Eume, Carlos Franco, puxo en valor o traballo que o persoal ao seu cargo desenvolve neste espazo natural, ao igual que no resto da rede de parques. “O bonito non é só que a xente visite as Fragas senón que saian reflexionado e coñecendo algo máis. O noso reto é que teñan unha atención máis persoal e coidada”, explicou Franco ante unha ampla representación de traballadores dos sete parques convidados a participar nunha xornada de confraternidade e intercambio de experiencias.
Esforzo económico por parte da Xunta
Pola súa parte, a conselleira reivindicou tamén o papel da Administración autonómica na preservación, protección e divulgación destes espazos singulares e representativos da riqueza natural de Galicia.
Asi, avanzou que aos case 5 millóns de euros destinados no período entre 2020 e 2021 aos sete parques galegos, sumaranse os 1,4 millóns de euros da orde de axudas xa convocada dirixida a concellos, particulares e entidades para a execución de actuacións que contribúan á mellora e conservación destas zonas. Así mesmo, tamén salientou a oportunidade que ofrecen os fondos europeos do NextGenerationUE, grazas aos que a Xunta destinará preto de 7 millóns de euros a executar proxectos en todos os parques.
No caso das Fragas do Eume, subliñou que entre os valores naturais que atesouran, destacan os seus bosques atlánticos caducifolios, que o converten no exemplo mellor conservado de Europa. Neste sentido, Ángeles Vázquez indicou que a Xunta quere preservar esta singularidade dotándoo do seu propio Plan reitor de uso e xestión, un documento que previsiblemente estará listo este ano.
Entre as actuacións previstas neste parque, destacou a recuperación de 75 hectáreas de eucaliptais que a Xunta adquirirá para impulsar unha fraga autóctona, cun investimento 1,3 millóns de euros. A tal fin, explicou que o proxecto se levará a cabo en terreos enclavados nas masas de fraga ou lindeiros coas mesmas —na súa maior parte, parcelas de forte pendente e difícil acceso— para a recuperación do arborado autóctono.