Monday 25 de November de 2024

O BNG levará a pleno a promoción do galego na Policía Local


Os nacionalistas tamén levarán a pleno unha moción sobre a necesidade dun modelo eólico sostible.
Nela tamén reclaman unha tarifa máis baixa para Galiza para compensar o impacto ambiental sufrido.
Arteixo, 24 de maio de 2022.- O BNG de Arteixo leva ao vindeiro pleno de Arteixo, que se celebra este xoves 26 de maio, unha moción relativa á promoción do galego como lingua xurídica e administrativa na Policía Local.

O BNG propón ao Pleno diferentes acordos para cumprir co deber de impulsar o proceso de normalización da lingua galega. Os nacionalistas solicitan que as persoas que compoñen a Policía Local de Arteixo desenvolvan as súas actuacións oficiais, tanto orais como escritas en galego, sen prexuízo do respecto aos dereitos lingüísticos das persoas interesadas nos respectivos procedementos. Tamén piden que a normativa, programas informáticos, modelos de informes, atestados e expedientes que se empreguen estean redactados en galego. A mesma petición para os documentos elaborados pola Policía Local que se dirixan a autoridades, xulgados e tribunais e organismos públicos ou privados con sede en Galiza.

Finalmente, a moción insta ao Concello a adoptar medidas para a implicación do persoal da Policía Local de Arteixo na aplicación da normativa sobre pulo da lingua galega.

Moción sobre o modelo eólico

O BNG de Arteixo tamén presenta unha moción relativa á esixencia dun modelo eólico sostible e non depredador de Galiza. No referente a Arteixo, o BNG solicita que, na medida do posible, todas as liñas de evacuación que discorran polo municipio sexan soterradas e que o Concello apoie os colectivos e a veciñanza afectados pola instalación de estruturas de aproveitamento enerxético.