A directora xeral de Avaliación e Reforma Administrativa compareceu hoxe en rolda de prensa para facer balance da situación sobre ambas modalidades de traballo
A directora xeral de Avaliación e Reforma Administrativa, Natalia Prieto, compareceu nunha rolda de prensa na que fixo balance da situación sobre flexibilidade horaria e teletraballo desde a súa implantación na Administración autonómica, fai algo máis de ano e medio.
Durante a rolda de prensa, Prieto destacou como “moi positivos” os resultados obtidos ata o momento, pois ambas modalidades de traballo contribúen á conciliación da vida laboral e familiar de 7.858 empregados públicos, un sete por cento máis que o pasado ano.
A comezos de 2014 púxose en marcha na Administración galega a posibilidade de que os traballadores e traballadoras da Xunta de Galicia flexibilizasen a súa xornada laboral e se acollesen á modalidade de teletraballo cando ocupasen determinados postos e as necesidades do servizo o permitisen.
En canto a flexibilidade horaria, a directora xeral destacou que actualmente 7.782 persoas se benefician desta iniciativa, 924 baixo o réxime de conciliación familiar -é dicir, teñen fillo/as menores de 12 anos ou persoas dependentes ao seu cargo- e o resto na súa modalidade “automática”.
Se atendemos aos sexos, na modalidade de flexibilidade horaria por conciliación, o 73 por cento das persoas beneficiarias son mulleres fronte ao 27 por cento de homes. Na automática esta porcentaxe baixa un pouco cun 64 por cento de mulleres e un 36 de homes.
Ademais, do total de traballadores con flexibilidade horaria -en calquera das dúas modalidades- o 59 por cento correspondese ao persoal que presta servizo no ámbito “periférico”, fronte ao 41 por cento de persoal de servizos centrais da Xunta.
76 empregados traballan a distancia
No eido do teletraballo, Prieto informou de que un total de 76 empregados públicos prestan servizo a través desta modalidade de traballo non presencial. Destes, 28 comezaron a teletraballar para o Goberno galego hai xa un ano, autorizándoselles dende a Xunta a prórroga desta modalidade un ano máis, como resultado da boa experiencia e beneficios desta medida.
Por ámbito territorial o 70 por cento dos postos autorizados atópanse en servizos centrais, mentres que o restante corresponde a postos de servizos periféricos. Ao igual que ocorría no caso da flexibilidade horaria, son máis as mulleres que se acollen a esta medida, representando o 60 por cento do total.
Cabe recordar que os traballadores acollidos a este réxime son aqueles que polas características do seu posto así como polas necesidades do servizo o permitisen. Entre estes postos destacan os letrados, asesores xurídicos, corpos de inspección -farmacéutica, urbanística, de traballo, de saúde pública-, tradución, entre outros. Por departamentos, as consellerías con máis empregados acollidos ao sistema de teletraballo son Vicepresidencia (15), Medio Rural e Mar (15), Traballo e Benestar (14) e Sanidade (12).
Ambas iniciativas supuxeron a regulación por primeira vez na nosa Comunidade do teletraballo e a compensación horaria dos empregados públicos autonómicos, o que está a contribuír na conciliación da súa vida familiar e laboral. Así pois as vantaxes da flexibilidade horaria e o teletraballo hoxe son unha realidade grazas ao esforzo levado a cabo para a súa implementación.