Friday 22 de November de 2024

San Sadurniño ten abertas as licitacións para o arranxo de 6,5 quilómetros de pistas municipais


A plataforma de contratación do Concello ten en marcha nestes momentos tres procedementos referidos a obras de reparación en algo máis de 6,5 quilómetros da rede viaria municipal. O prezo conxunto en que están orzamentados os tres proxectos aproxímase aos 208.000 euros, que o Concello financiará con cargo ao POS+ provincial e ao Plan de Mellora de Camiños Municipais de acceso a parcelas agrícolas da AGADER. Dous dos programas teñen aberto o prazo de presentación de ofertas ata o día 29 deste mes, mentres que o do terceiro rematou hai escasos días e encóntrase na fase de avaliación das propostas recibidas.

O proxecto que está en avaliación é o denominado “Ensanche e pavimentación dos camiños de Vilar, Piegolongo, Penacastrelo, Vilarxá e O Furado”, orzamentado en 57.503,47 euros, IVE incluído, que agrupa seis intervencións nas parroquias de Lamas e Naraío.

No caso de Lamas repararase a pista que une o Vilar con Felgosa (1.310 m) e a que enlaza este eixo con Piegolongo (380 m), preto do límite con Moeche. Ademais, sen saír de Lamas, tamén se reasfaltará a pista de Penacastrelo (240 m) e aproveitarase para botarlle unha nova capa de saburra a un camiño de 225 m de lonxitude que vai desde este núcleo até o Chao. En Naraío, os traballos incluídos neste proxecto servirán para reparar o acceso a dúas vivendas en Vilarxá (225 m) e para sanear o tramo máis danado da pista que sobe até o Furado (350 m).

Por outro lado, o proxecto denominado “Pavimentación de camiños na Pereira, a Veiga, as Calvelas e Cornide” -en prazo de presentación de propostas- permitirá arranxar catro pistas de Santa Mariña e San Sadurniño que suman no seu conxunto algo máis de 2,5 quilómetros de trazado. O orzamento ascende a 70.712,25 euros, impostos incluídos, cos que se renovará o firme asfáltico na pista da Pereira ao Cal (440 m) e desde a Veiga ata o límite con Valdoviño (1.560 m). A estrada das Calvelas (410 m) e, por último, a mellora dun camiño en Cornide de 145m levaranse a cabo con aglomerado.

O que tamén ten aberto o prazo de licitación é o proxecto no que se incluíron as actuacións “Pavimentación e mellora dos camiños de A Fraguela (Naraío) e O Chao de San Cristovo (Ferreira)”. A licitación é a de maior importe das tres -79.592, 81€, IVE incluído-, un importe co que se levarán a cabo dúas obras acollidas ao Plan de camiños da AGADER, que reserva para San Sadurniño unha achega de 65.780€ cofinanciados con fondos europeos.

En Ferreira vaise volver asfaltar a pista do Chao de San Cristovo -575 m- e cabe recordar que o Concello ten outro proxecto xa preparado (que se financiará co POS+ Adicional) para reparar a pista con aglomerado desde a capela ata a Chabola, construíndo ademais unha senda peonil.

A obra prevista en Naraío permitirá continuar aglomerando a conexión da Longra coa antiga estrada das Pontes. O ano pasado levouse a cabo o tramo a Longra-Riolimpo e Riolimpo-O Castelo. Agora, coa achega da AGADER, seguirase subindo desde O Castelo até o lugar da Fraguela (900 m), de maneira que xa só quedaría pendente de executar o último segmento, comprendido entre a Fraguela e a Rampla.