Friday 22 de November de 2024

Apertura do prazo de inscrición en dúas edicións dun curso de Prevención de Riscos Laborais de nivel básico


O Concello abrirá mañá o prazo de inscrición en dúas edicións dun curso de Prevención de Riscos Laborais (nivel básico). Esta acción formativa, tal e como indicou a concelleira de Formación, Natalia Hermida, diríxese a un máximo de 40 persoas (vinte por cada edición) que deben ser maiores de 18 anos, estar desempregadas, empadroadas en Narón e non ter concedido outro curso do Programa Municipal de Formación que coincida nas datas. As inscricións poderán presentarse dende mañá ás 8.30 horas ata o día 31 de maio ás 13.30 horas a través do Rexistro xeral do Concello, da Sede Electrónica de Narón –donde se poden descargar as inscricións- ou dos restantes medios contemplados no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas. Hermida destacou que se trata de dúas accións formativas válidas para traballar nos sectores da construción e do metal.

O curso terá unha duración total de 75 horas (60 de Prevención de Riscos Laborais e as 15 restantes de módulos adicionais) que se impartirán no Centro Municipal de Formación Irmás Froilaz, na Gándara. As datas previstas para esta acción formativa son do 13 de xuño ao 7 de xullo a primeira edición e do 12 de xullo ao 2 de agosto a segunda, en ambos casos en horario de mañá, de 9.00 a 14.00.
Conceptos básicos sobre seguridade e saúde no traballo; Riscos xerais e a súa prevención; Riscos específicos e a súa prevención no sector correspondente á actividade da empresa; Elementos básicos de xestión da prevención de riscos laborais; Primeiros auxilios e módulos transversais de Igualdade de oportunidades, Orientación laboral e busca de emprego e Emprendemento forman parte dos contidos das convocatorias.

O alumnado seleccionarase por rigorosa orde de inscrición no rexistro e as persoas interesadas en recibir máis información poden dirixirse á web do Concello –www.naron.es- ou contactar co Servizo Sociocomunitario Municipal, no teléfono 981 337 700 (extensións 1108 e 1109).