A Concellaría do Medio Ambiente da Pobra do Caramiñal, da cal é titular a edil Genoveva Hermo (Nós Pobra), informa de que a Administración local acaba de recibir unha notificación da Xefatura Territorial da Consellaría da Sanidade na cal se comunica a clasificación sanitaria final das zonas de baño do municipio na tempada de 2021. Tódalas praias valoradas reciben a cualificación de “Excelente” segundo o sistema de cálculo establecido na Directiva 2006/7/CE: A Barca, A Corna, Os Areos, A Illa, A Lombiña e Os Raposiños.
Ademais, coma de costume, realizaranse probas rutineiras coas cales coñece-la calidade das augas e avalia-la súa evolución dende o día 23 de maio ao 25 de setembro deste ano; controis que están adscritos ao Programa de vixilancia sanitaria das zonas de baño de Galicia 2021-2025 realizada pola Xunta a través da Consellaría da Sanidade, polo obrigado cumprimento da normativa europea.
Tódolos datos destas tempadas son públicos e poden ser consultados a través da páxina web da Consellaría da Sanidade, dentro do apartado da Sanidade Ambiental e do Sistema de Información Nacional de Augas de Baño (Náyade).