Friday 22 de November de 2024

Aberto o prazo de inscrición para asistir á andaina deste domingo pola Pena Molexa e Monte da Lagoa


As persoas que desexen asistir á segunda andaina do programa municipal “Ponte en ruta con nós” poden anotarse dende hoxe ata o vindeiro mércores día 25, incluído, tal e como avanzou o concelleiro de Deportes, José Oreona. O percorrido a realizar na convocatoria, que terá lugar este mesmo domingo, día 29, será entre Pena Molexa e o Monte da Lagoa. A saída será ás 9.15 horas do Centro Cívico Social do Val-

Os camiñantes recorrerán un tramo duns doce quilómetros pola Pena Molexa, Pena Lopesa, o Campo do Avial, o Casal e o Monte da Lagoa, para regresar de novo ao Centro Cívico Social do Val. O prezo para poder asistir e de 5 euros, debendo cubrir as instancias nas oficinas do pavillón polideportivo da Gándara (estrada da Gándara, 148), en horario de mañá, de 8.30 a 13.00 horas.
A terceira andaina programada este ano no programa municipal “Ponte en ruta con nós” será o vindeiro 26 de xuño, pola Ruta dos muíños. Os camiñantes sairán ás 9.30 horas do mosteiro do Couto para percorrer algo máis de dez quilómetros dende alí ata a área recreativa de Pedroso. Unha vez no punto de remate da ruta serán trasladados en autobús ata o mosteiro do Couto. O prazo de inscrición para esta andaina permanecerá aberto os días 17, 20 e 21 de xuño.

O Padroado de Deportes de Narón retomou este ano o tradicional programa de andainas, que está limitado a un máximo de 150 persoas. “Trátase dunha actividade pensada para promover o exercicio ao aire libre, dirixido a persoas de todas as idades, co fin de fomentar hábitos de vida saudables e ao mesmo tempo coñecer parte da riqueza natural da cidade”, explicou Oreona.