Sunday 24 de November de 2024

Galicia acadou un máximo histórico nos primeiros sete meses do ano ao recibir máis de 611.000 turistas estranxeiros


Segundo os datos de FRONTUR publicados, a nosa comunidade superou nun 10,8% os turistas estranxeiros rexistrados no mesmo período do pasado ano 2014

Segundo os datos da Enquisa de Movementos Turísticos en Fronteiras (FRONTUR), nos primeiros sete meses deste ano 2015, Galicia recibiu máis de 611.000 turistas estranxeiros, cifra que supón un máximo histórico na comunidade e supera nun 10,8% a cifra do mesmo período do pasado ano.

Segundo FRONTUR, Portugal, co 49,4% dos turistas estranxeiros, foi o principal mercado internacional en Galicia nestes primeiros sete meses do ano. Ao mercado portugués, séguenlle en orde de importancia Francia, co 14,9%, e Reino Unido, co 8% neste caso.

A nivel estatal produciuse tamén un incremento da cifra de turistas estranxeiros neste período de tempo achegándose aos 38 millóns. Neste caso o incremento foi do 4,7%, máis de seis puntos porcentuais por debaixo do crecemento rexistrado na nosa comunidade. Deste modo, Galicia é a quinta comunidade cun maior incremento na cifra de turistas estranxeiros de todo o estado.

En canto ao excursionismo internacional, Galicia recibiu un total de 2.025.937 excursionistas estranxeiros nos sete primeiros meses do ano. Portugal foi tamén o principal mercado do excursionismo rexistrado en Galicia, supoñendo o 89% das entradas dun só día na nosa comunidade.

Mes de xullo
En canto ao mes de xullo, Galicia rexistrou un total de 158.480 turistas estranxeiros, cifra que supón un incremento do 6% en relación ao mesmo mes do pasado ano 2014. Con esta cifra Galicia acadou en xullo de 2015 un máximo histórico de turistas estranxeiros neste sétimo mes do ano.

Segundo os datos publicados por FRONTUR, Portugal é o principal mercado internacional en Galicia co 45,8% dos turistas estranxeiros neste mes. Seguen en orde de importancia Francia, co 18,6% e Reino Unido e Suíza con preto do 6% cada un neste caso. En termos dinámicos obsérvase un crecemento do mercado turístico de Alemaña e Francia.

A nivel estatal rexistrouse tamén un incremento da cifra de turistas estranxeiros, do 6,3% neste caso, situándose preto dos 8,8 millóns de turistas internacionais neste mes de xullo. Galicia situouse nunha posición intermedia do ranking estatal sobre o incremento dos turistas internacionais.

O excursionismo internacional contabilizou en Galicia a 375.567 excursionistas estranxeiros. Portugal foi o principal mercado emisor de excursionismo a Galicia pois representou o 87% das entradas internacionais dun só día á nosa comunidade.