Saturday 16 de November de 2024

O Concello adxudica a segunda e última fase da renovación completa da iluminación pública da Coruña, cun investimento total de máis de 30 millóns de euros


A actuación, financiada con máis de 12 millóns de euros de fondos europeos a través do IDAE, permitirá a substitución de máis de 21.000 lámpadas por outras máis eficientes e contarán cun sistema de xestión remota

O Concello da Coruña aprobou este luns en Xunta de Goberno Local a adxudicación do segundo lote da renovación completa da iluminación pública da cidade, que comprende a zona norte. Esta nova actuación suporá un investimento total de 14,6 millóns de euros.

Esta actuación integral está financiada principalmente con fondos europeos FEDER a través do IDAE e permitirá que o Goberno municipal de Inés Rey acometa, en todos os barrios da Coruña, a substitución das lámpadas obsoletas por dispositivos de última xeración, con tecnoloxía led regulable por tramos horarios. A alcaldesa destaca que a renovación cumprirá unha dobre función, xa que “mellorará a calidade da iluminación en todos os puntos da cidade, á vez que permitirá acadar un considerable aforro enerxético”.

Aos 14,6 millóns de investimento na zona norte da Coruña hai que sumar os máis de 15 millóns destinados á renovación dos distritos sur e sureste, cuxa adxudicación foi aprobada en XGL o 29 de abril deste ano. En total, o Goberno municipal de Inés Rey investirá máis de 30 millóns de euros, can carácter plurianual, na renovación da iluminación.

Esta actuación suporá a renovación dun total de 21.000 puntos de luz na cidade, dos que máis de 9.000 atópanse na zona norte. En termos medioambientais, esta actuación permitirá evitar que case 6.000 toneladas de dióxido de carbono cheguen á atmosfera cada ano. O proxecto supón tamén a actuación en 305 centros de mando para controlar e regular, de xeito remoto, a intensidade da iluminación, introducindo correccións de xeito inmediato das lámpadas onde fose preciso.

“A renovación completa da iluminación pública é un dos investimentos máis importantes do actual mandato, así como tamén supón a actuación máis ambiciosa levada a cabo nunca na cidade para mellorar a calidade lumínica”, indicou o concelleiro de Economía, Facenda e Réxime Interior, José Manuel Lage.

Obras no rexistro e arquivo municipal
Por outra banda, a Xunta de Goberno Local tamén aprobou o expediente de contratación das obras de reforna do rexistro e arquivo municipais que se atopan no palacio de María Pita. Esta actuación permitirá mellorar as instalacións e ofrecer un servizo máis áxil á cidadanía.

O Concello dedicará case un millón de euros a esta actuación, que entra en fase de licitación. Cando rematen os traballos, a atención simultánea do rexistro ampliarase ata un máximo de 20 persoas, fronte ás 14 que hai na actualidade. Crearase, ademais, unha zona de agarda axeitada e mellorarase a calidade do espazo para prestar un mellor servizo aos cidadáns.