O festival de música alternativa organizado pola Concellaría de Mocidade encherá de rock and roll a xornada do 18 de xuño
O Rockin’ volverá a converter Carballo na capital galega do rock. Despois do paso de bandas como The Trashmen, Chesterfiel Kings, Roy Loney, Barrence Whitfield, Lagartija Nick, Atom Rhumba, Powersolo ou Dr. Explosión, e despois de dous anos de seca musical, será un regreso por todo o alto para encher de música o sábado previo á Semana Grande do San Xoán.
Este é o cartel do Rockin’22:
• Cápsula. Banda nacida na escena do rock underground en Bos Aires (Arxentina), en 1997, e afincada no País Vasco dende o ano seguinte. Está formada por Martín L. Guevara e Coni Duchess Duchess. Recoñecidos internacionalmente polos seus excitantes directos, os Cápsula teñen sido comparados con grupos como The Cramps ou The Who, xa que o seu enérxico son mestura a intensidade do garaxe rock e raíces do rock and roll co post-punk, noise e psicodelia escura. O seu último traballo, Phantasmaville, soará o 18 de xuño en Carballo.
• Eva Ryjlen é unha desas autoras das que só hai unha por xeración, e imos ter a sorte de poder escoitala en Carballo. Foi a metade feminina de Idealipsticks, un dos grupos do Rockin’ no 2014, e neste 2022 regresa en solitario cun pop poderoso e elegante, e unha voz na plenitude da súa madurez.
• El Meister é o alter ego de Javier Vielba, voz, compostor de Arizona Baby e Corizonas, e un dos personaxes máis prolíficos e imprevisibles da escena musical. Din que o seu repertorio rompe moldes e deixa atónitas ás persoas que o escoitan, tanto polo seu soporte musical como polas súas historias morais, e a verdade é que estamos desexando comprobalo.
• Tito Ramírez, tamén coñecido como TNT Ramírez, e un dos artistas máis controvertidos dos últimos anos na escena do rhythm and blues nacional. Tras o seu éxito internacional co polémico Lonelyman, que se converteu nun cásico das pistas dos clubs de soul e R&B de toda Europa, no ano 2016 publicou Last train e desatou a loucura. Hoxe é un dos artistas máis solicitados en festivais de todo o Estado.
• The Lelli Kelly’s é unha das tres bandas galegas que tocarán no Rockin’22. Está formada por Culebra Pills, Muerto Rodríguez, Tonho Nogueira Vecinho e Moanha e Pollete, e levan xa seis anos, dende que empezaron a compartir proxecto musical no 2016, percorrendo escenarios co seu peculiar estilo.
• Cloaca repite presenza no Rockin’. Encántanos este grupo coruñés formado por Bento Carroña e Rata Ray, e encántanos a súa música mestura de garaxe punk e surf, as súas divertidas letras e as eléctricas instrumentacións. Enerxía, poderío instrumental e moito rock and roll do que sen dúbida volveremos a desfrutar.
• Quercus Blues Band. Deixamos para o final a representación local, non por iso menos importante. Porque se todas as bandas que van actuar neste Rockin’ encántannos, de Quercus Blues Band somos moi, moi fans. Volver a contar con Huguette e Andrés é toda unha honra.
Quercus serán os encargados do chupinazo do Rockin’22, porque tocarán no Escenario Palmeira ás 12.30 horas, como teloneiros de El Meister. A música volverá a soar pola tarde, a partires das 19.30, no Escenario Rego da Balsa, coas outras cinco bandas que integran o cartel deste festival tan, tan especial. Agardamos que o desfrutedes como nunca!