O programa, posto en funcionamento por Turismo de Galicia, ten o obxectivo de mellorar a calidade da acollida aos peregrinos nos albergues da Rede Pública de Galicia, conformada por 70 establecementos con máis de 3.000 prazas de aloxamento
O programa de hospitaleiros voluntarios, posto en marcha de forma experimental por Turismo de Galicia, continúa con novas incorporacións para mellorar a calidade da acollida aos peregrinos nos albergues públicos.
Grazas ao acordo establecido entre Turismo de Galicia e American Pilgrims, nove hospitaleiros voluntarios desta asociación están colaborando no albergue de Ribadiso dende o pasado mes de maio e ata o vindeiro outono. A medida que pasa o verán hai novas incorporacións, deste modo, os hospitaleiros norteamericanos colaboran diariamente na acollida aos peregrinos neste albergue do concello de Arzúa compartindo con eles a súa experiencia. Nas pasadas semanas incorporouse, tamén, unha voluntaria da Confraría de Santiago Apóstol de Río de Janeiro ao albergue do Cebreiro.
Coa presenza deste hospitaleiros voluntarios procedentes de Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago de diversas partes do mundo preténdese que os peregrinos, especialmente os foráneos, se sintan máis acollidos na rede de albergues públicos de Galicia, conformada por 70 establecementos con máis de 3.000 prazas de aloxamento.
Estes voluntarios non realizan funcións de mantemento do albergue senón especialmente de acollida, compartindo a súa experiencia e participando nas inquedanzas dos demais peregrinos.
Curso de formación para hospitaleiros
Dentro deste programa piloto, Turismo de Galicia organizou un curso previo de formación para hospitaleiros e axentes de acollida co obxectivo de dar resposta a unha petición de diversas asociacións de Amigos do Camiño de Santiago, especialmente de carácter internacional, que solicitaban a posta en marcha dun programa de estadías de hospitaleiros voluntarios nos albergues da Rede Pública de Albergues da Xunta de Galicia.