· O poeta vigués, Carlos Penela Martín foi elixido ganador co libro titulado ‘Trono e caléndula’
· O xurado salienta a composición dos poemas cunha esixencia rítmica pouco común.
O poeta vigués Carlos Penela Martín foi elixido hoxe, sábado 21 de maio, como ganador da vixésimo quinta edición do Certame de Poesía Concello de Carral co libro titulado ‘Trono e Caléndula’.
Presentáronse a esta edición do premio un total de 44 libros. O xurado salientou do libro gañador a composición dos poemas cunha esixencia rítmica pouco común que se proxecta no lingüístico e no simbólico.
Carlos Penela conta xa cunha salientable traxectoria literaria, obtendo os premios Espiral Maior, Eusebio Lorenzo Baleirón en dúas ocasións, Caixanova, Miguel González Garcés e o accésit do premio Esquío de Poesía. Colaborou tamén con diversas revistas literarias e xornais como Grial, A Trabe de Ouro, Revista da AELG, xornal Nós… Xunto a esas publicacións, nos últimos anos foi publicando numerosos ensaios e artigos literarios e culturais desde os seus blogs, dedicados, fundamentalmente, a dar a coñecer a cultura de Europa Central ao público galego. Ademais diso, traduciu varios títulos de literatura portuguesa e alemá. Actualmente reside en Viena (Austria).
Para esta edición do premio o Concello de Carral configurou o xurado con Inma Otero, Teresa Seara, Miguel Anxo Fernán Vello, Luciano Rodríguez e Álex Mene. Como presidente actuou o concelleiro de Cultura Francisco Bello e como secretario o técnico de Cultura Carlos Lorenzo.
O acto de entrega do premio terá lugar o venres 10 de xuño na Casa da Cultura, nun evento especial para conmemorar os 25 anos do certame. Neste acto inaugurarase unha exposición no Campo da Feira, a instalación nas vías públicas de Carral de lonas dedicadas a cada autor e autora que obtivo este galardón, a presentación do libro gañador na edición do 2021, ‘Os puntos do impacto’ de Álex Mene, e poderase desfrutar do espectáculo poético e musical ‘O idioma da tinta’ de Yolanda Castaño e Isaac Garabatos.