Friday 22 de November de 2024

Os nomes de Neira Cruz e Carlos Mosteiro vólvense unir con motivo dun premio literario


Xosé Antonio Neira Cruz recibiu na tarde do 20 de maio o IV Premio de Literatura Infantil Carlos Mosteiro nun acto que se desenvolveu no Auditorio do Museo Valle-Inclán da Pobra do Caramiñal ao abeiro da programación do Maio das Letras. O galardoado, quen repite distinción despois de gañar tamén a segunda edición do certame, estivo acompañado pola concelleira da Cultura, Patricia Lojo (PSdeG-PSOE); o presidente da A. C. Barbantia, Manuel Cartea; e o director de Produción da Editorial Galaxia, Xesús Domínguez.

Co acompañamento musical da Escola de Música da Pobra, nesta cita aproveitouse a ocasión para presentar publicamente a obra gañadora, Por mor de cinco pizzas aos catro queixos, e as persoas asistentes recibiron un exemplar dela.

O premio supón unha dotación económica de 3 000 euros, a publicación na colección Árbore da Editorial Galaxia e o repartimento de volumes entre a rapazada do municipio.

Convocado polo Concello da Pobra do Caramiñal, a Editorial Galaxia e a A. C. Barbantia, o dito certame é concibido como un medio para promove-los autores e autoras en lingua galega de literatura infantil, así como para homenaxea-lo escritor Carlos Mosteiro.