O proxecto ‘Conecta Coruña’, en fase de licitación, permitirá o despregamento de sensores físicos e virtuais que axudarán a un control eficiente dos recursos hídricos e dos sistemas de iluminación
Ademais, implantaranse solucións tecnolóxicas en instalacións aeroportuarias, portuarias e a futura estación intermodal da cidade
O proxecto ‘Conecta Coruña’, presentado polo Concello da Coruña, é un dos beneficiarios da Convocatoria de Edificios Intelixentes promovida por Red.es, entidade dependente do Ministerio de Economía e Empresa, co obxectivo de potenciar o uso das tecnoloxías da información para favorecer o desenvolvemento de infraestruturas intelixentes nas cidades, aproveitando o big data.
Neste sentido, o Concello, a través da Concellería de Economía, Facenda e Réxime Interior, levará a cabo un investimento de 4.998.836 euros, cofinanciados con fondos europeos FEDER, para actuar en 213 edificios repartidos polos barrios da cidade, en inmobles de titularidade pública e privada destinados a usos administrativos, comerciais, culturais, educativos, deportivos, asistenciais e tamén residenciais. Serán 148 edificios municipais; 41 edificios autonómicos; 12 edificios provinciais; 9 edificios estatais; e 3 edificios de uso privado.
‘Conecta Coruña’, actualmente en fase de licitación, abrangue actuacións de tipoloxía variada. Por exemplo, no interior dos edificios e espazos de convivencia, coa instalación de sensores físicos e virtuais como cámaras de visión artificial ideadas para o control de capacidades; contadores de auga intelixentes para optimizar o consumo de recursos hídricos e detectar, ademais, previsións de limpeza nas redes de saneamento; sensores de luz para examinar a calidade luminosa e valorar o axuste automático da iluminación; e tamén sensores de gas radón para dispor dunha medición continua nos inmobles, mitigando así os riscos para a saúde.
“O Goberno de Inés Rey está comprometido cos Obxetivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) que marca a ONU, na procura da protección do planeta e os avances estruturais para que cidades como A Coruña sexan máis sostibles, innovadoras e inclusivas”, sinalou o concelleiro José Manuel Lage, que recordou que esta mesma semana a alcaldesa presentou a axenda urbana A Coruña 2030, dentro desa mesma liña.
Ademais, outro dos piares do proxecto ‘Conecta Coruña’ é a mellora nos sistemas de seguridade e evacuación para reducir danos persoais e materiais no caso hipotético de producirse situacións de emerxencia, dando unha resposta máis áxil na transmisión de avisos, que tamén partirán a través de sensores intelixentes para mobilizar, a continuación, aos servizos de Policía, Bombeiros, ambulancias e Cruz Vermella.
A explotación dos datos a grande escala e en tempo real
O modelo que contempla o proxecto ‘Conecta Coruña’ abrangue tamén a explotación de nodos IoT (o Internet das cousas), infraestruturas plantexadas para recopilar información de utilidade procedente dunha rede de sensores repartidos por toda a cidade, que almacenan datos de interese para a súa posterior posta en valor. Por exemplo, os niveis de contaminación atmosférica a diferentes alturas; información meteorolóxica como a velocidade do vento, temperatura, humidade ou acumulación de chuvias; e información do consumo de servizos como a enerxía eléctrica, auga e gas.
Ademais, a posta en marcha do proxecto contribuirá a impulsar solucións e actualizacións de software en instalacións aeroportuarias, portuarias e a futura estación intermodal da cidade, na que o Concello investirá 14 millóns de euros e onde ‘Conecta Coruña’ axudará a favorecer o fluxo de información entre os distintos organismos de transporte.
“O da Coruña foi un dos concellos que máis fondos recibiu nesta liña de axudas, e a nosa intención é poder contar con datos en tempo real para ser máis eficientes e para coñecer con precisión os problemas e necesidades da cidade co fin de darlles unha mellor resposta”, indicou Lage Tuñas.