Friday 22 de November de 2024

Os alumnosdo CEIP San Isidro, peregrinos por un día


No marco do proxecto Neda no Camiño que impulsa o centro, cubriron esta mañá un tramo da ruta xacobea ao seu paso polo municipio e inauguraron unha exposición sobre o traballo realizado nas aulas os últimos meses

Tras meses tendo como referencia o Camiño Inglés para a aprendizaxe das diferentes materias, os nenos e nenas do CEIP San Isidro de Neda saían hoxe das aulas para vivir en primeira persoa a experiencia e, por unhas horas, convertirse en auténticos peregrinos e peregrinas. O alumnado de 3º a 6º curso de Primaria partía ás 9,30 h do paseo de Xuvia para iniciar o treito no que o Camiño se adentra en Neda. Tomaban rumbo cara a igrexa de Santa María, punto de encontro cos seus compañeiros e compañeiras máis pequenas, os estudantes de Infantil e 1º e 2º curso de Primaria.

E de alí, todos xuntos, completaban o itinerario ata alcanzar o propio cole. Como guía, a animadora sociocultural Natividad Villaamil; acompañando aos rapaces e mestres nos seus primeiros pasos, a concelleira de Ensino, Ángeles Puentes, e garantindo a seguridade do percorrido, Protección Civil.

Á chegada ao cole esperáballes unha merenda especial preparada polos profes e, sobre as 12 horas, arrancaba no centro unha xornada especial con varias estacións de xogos relacionados todos eles co Camiño Inglés. Así mesmo, inauguraban unha mostra con todos e cada un dos traballos que foron realizando ao longo do curso sobre a ruta xacobea. Expo que as familias poderán visitar ata o venres 27 de maio en horario de 13 a 13:45 h. E broche de ouro coa queima dunha gran bota de cartón coa que simbolizaron o remate do Camiño.

O PROXECTO
As actividades forman parte do proxecto Neda no Camiño. Un proxecto, vixente no presente curso escolar, que nacía do impulso dos seus docentes no marco da formación Permanente do Profesorado na que participan. Un proxecto e unha formación que teñen por obxectivo último integrar de novo a Biblioteca escolar no Plan de Melloras de Bibliotecas Escolares da Xunta (PLAMBE), na procura de centros de lectura activos nos que alumnado e profesorado poidan avanzar nos seus obxectivos e ampliar a calidade dos procesos de aprendizaxe ou de ensinanza.