Friday 22 de November de 2024

A Xunta duplica o orzamento destinado ao Ceida para consolidar a súa posición de referencia no eido da educación ambiental


― Ángeles Vázquez felicita á entidade por repetir un ano máis como centro azul, en recoñecemento ao seu “excelente labor” de divulgación e concienciación social

― Subliña que a pesar da covid o ritmo de actividade do centro non se viu afectado e ao longo do ano pasado logrou traer coa súa oferta formativa a máis de 35.000 persoas

A Xunta quere potenciar o labor do Centro de extensión universitaria e divulgación ambiental de Galicia (Ceida) para consolidar a súa posición de referencia en materia de educación ambiental, un compromiso que este ano se traduciu nunha achega económica para apoiar a súa actividade de 112.000 euros, o dobre que en 2021.

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, participou hoxe no Consello de Dirección e na Comisión Executiva do Ceida, convocada no Castelo de Santa Cruz para facer un balance do traballo desenvolvido por este organismo en 2021 e presentar o plan de traballo para este ano.

Durante a súa intervención, a responsable autonómica referiuse ao “excelente labor” tanto divulgativo como de sensibilización cidadá que desde hai anos realiza o Ceida, en estreita colaboración coa Xunta. Un papel polo que, resaltou, acaba de recibir o distintivo internacional de centro azul, un dos 14 cos que foi galardoada Galicia este ano.

Tras felicitar á entidade por conseguir un ano máis este recoñecemento e contribuír a que a Comunidade siga estando entre as rexións de todo o mundo que atesouran máis bandeiras azuis, Ángeles Vázquez subliñou os bos resultados acadados polo Ceida nun ano difícil, pola situación e as restricións impostas pola covid.

Neste sentido, referiuse ás 1.270 actividades organizadas ao longo de 2021, entre accións formativas, divulgativas e de educación ambiental, exposicións e outro tipo de iniciativas, algunhas delas de gran calado e repercusión, e ás máis de 35.000 persoas que participaron nelas.

Á vista destas cifras, a conselleira considerou constatada unha importante recuperación da actividade habitual desta entidade e augurou que camiña con paso firme de cara a volver a rexistrar, e mesmo a superar, os datos anteriores á pandemia, un obxectivo para o que ofreceu a colaboración e o apoio do seu departamento.

Por último, e despois de lembrar que esta fin de semana se conmemoran dúas efemérides importantes no eido da divulgación ambiental —mañá, o Día europeo da Rede Natura 2000 e o domingo, o Día mundial da biodiversidade—, Ángeles Vázquez animou aos responsables do Ceida a “reforzar a conciencia” medioambiental de Galicia en 2022 con eventos como as Xornadas Internacionais de Reservas da Biosfera, que se celebrarán a finais de xuño en Oleiros e nas que contará coa colaboración da Xunta para poñer en valor estes territorios, todo un exemplo de convivencia entre a natureza e os seres humanos e do que Galicia, coas súas 7 reservas de biosfera, é un referente.