Tras dous anos de parón por mor da pandemia, o Recinto Ferial de Amio acollerá de novo a Festa dos Maiores o vindeiro sábado 28 de maio, dentro do programa das festas da Ascensión. Recupérase así un evento con gran tradición na cidade, e que permitirá á terceira idade compostelá desfrutar de novo dun xantar colectivo, seguido de actuacións musicais e bailes. As entradas, que teñen un custo de 7,50 euros, poden mercarse no Teatro Principal ata o 27 e maio.
Despois dun 2020 sen Ascensión e dunha edición reducida no 2021 por mor da pandemia, volven as festas compostelás por excelencia, que retoman tamén unha das súas citas máis populares, a Festa dos Maiores, na que será a súa 23 edición.
O próximo sábado 28 de maio, os nosos maiores poderán xuntarse de novo no Recinto Ferial de Amio para desfrutar xuntos dun xantar, con sobremesa amenizada pola orquestra Fussión e José Manuel Punzano, a un prezo adaptado a todos os petos de 7,50 euros.
As entradas están dispoñibles no despacho de billetes do Teatro Principal. Para facilitar o acceso, o Concello habilitará un servizo de buses desde a praza de Galicia ata o Recinto Ferial de Amio en horario de 12:00 a 14:00 h e de 17:00 h a 19:00 h.
Ascensión 2022
As Festas da Ascensión celebraranse desde o mércores 25 ata o domingo 29, con concertos, orquestras, monicreques, e en xeral unha gran variedade de actividades para todos as idades e todos os gustos. Ademais, tras dous anos de parón, este ano recuperarase, ademais da Festa dos Maiores, a tradicional Feira Cabalar durante a xornada do xoves 26.