Saturday 16 de November de 2024

A piscina da Barcala non abrirá as súas portas ata que execute unha obra puntual que impida as filtracións de auga ao interior


O alcalde de Cambre, Óscar García Patiño, recorda que a obra que iniciou o anterior executivo local na piscina non previu a reparación da cuberta, un dos principais males da instalación

As obras de reforma da Piscina da Barcala que anunciou a bombo e prato o anterior goberno municipal finalizaron e a pesar diso a instalación non pode abrirse por agora ao público debido ás deficiencias que presenta a súa cuberta, que filtra auga ao interior. O concello recepcionar as obras esta mesma semana, pero advirte que as melloras que se levaron a cabo poderían estar en perigo de non se facer unha pequena obra, polo momento puntual, na cuberta que garanta a súa impermeabilización. O alcalde de Cambre, Óscar García Patiño, recorda que a obra que iniciou o anterior executivo local na piscina non previu a reparación da cuberta, un dos principais males da instalación. A obra que acaba de finalizar alcanzou un custo de máis de 300.000 euros, pero non se dedicou nin un só euro a paliar un dos seus principais males, a súa impermeabilización. “Tal e como está a piscina a día de hoxe e a pesar das melloras actuais no interior sería unha irresponsabilidade abrila sen asegurarse que non entra auga polo tellado”, apunta.
García Patiño asegura que a piscina non abrirá as súas portas ata que execute unha obra puntual na cuberta que garanta “que non se poña en risco a recente actuación”. Asegura que os técnicos xa estudan a forma de levar a cabo estas obras o antes posible, aínda que insiste en que non dará prazos ata que saiba con certeza a dimensión da actuación. “Os nosos veciños merécense saber en que estado se encontra a piscina e porqué non se pode abrir a pesar de que as obras que sufragou en maior medida a Deputación xa finalizaron”, destacou. “Queremos unhas instalacións de primeira división e non imos consentir que aconteza o que sucedeu no pasado nesta instalación”, indicou.
Por outro lado, o alcalde é partidario de realizar un investimento maior no futuro que cambie por completo a cuberta e o sistema de impermeabilización, aínda que é consciente de que nestes momentos non é economicamente viable. Cre que durante o próximo ano se podería estudar un novo proxecto de transformación do teitume da piscina e para iso xa ten pensa en solicitar unha nova axuda do ente provincial.
As obras que si certificaron os técnicos refírense aos vestiarios, nos que se levou a cabo unha nova distribución, os teitos interiores da sala da piscina, as portas de evacuación, a impermeabilización da playsa da piscina, pero sobre todo, a maior actuación dedicouse ao sistema de ventilación, e un complexo sistema de climatización no que se renovou toda a maquinaria. Segundo o arquitecto da obra que acaba de finalizar, o maior cambio que van notar os usuarios é a diferenza ambiental no interior da instalación, con moita menos humidade e condensación.