● Malia a defensa do BNG da validez, xustiza e sensatez das alegacións feitas pola veciñanza de Culleredo ao orzamento 2022, o goberno de Rioboo rexeitounas todas.
● A veciñanza de distintos lugares do noso Concello solicitaba adecuación de camiños a núcleos urbáns, completar a rede de saneamento e de subministro de auga potable.
● O Goberno Municipal segue sen dar solución a demandas veciñais históricas.
O BNG defendeu as alegacións que presentaron diversas persoas e colectivos de diversos lugares do territorio municipal. As alegacións veciñais veñen reafirmar ao BNG en que a nosa veciñanza non conta cos servizos básicos asegurados e o desleixo do goberno de Rioboo por darlles solución.
O feito de rexeitalas todas, sen aceptar a proposta do BNG de debatelas e sometelas a votación por separado, vén confirmar que máis alá dese desleixo do alcalde, existe unha prepotencia e unha falta de respecto ao exercizo dos dereitos democráticos da xente. Chégase, un ano máis, a acusar a quen exerce o dereito de alegar de retrasar a aprobación do Orzamento. Nada menos que un goberno municipal que non foi quen de traer a Pleno os orzamentos municipais en ningún dos tres exercicios que leva gobernando con maioría absoluta.
As emendas facían referenza a distintas necesidades ao longo de toda a xeografía do noso Concello. Así, a veciños e veciñas da Fonte da Balsa achegaban unha recollida de sinaturas para reivindicar o arranxo dos accesos e melloras na contorna da urbanización. A veciñanza de Orro presentou distintas alegacións reclamando cuestións fundamentais, de obrigado cumprimento na Lei de Bases de Réxime Local. A de Ledoño, que ano tras ano ve incumpridas as promesas do noso alcalde. A do rueiro da Avda da Corveira, con peticións ben elementais de adecentamento urbano. As relativas a unha base de execución nº10 que pretende asentar, como está a pasar, o contrato menor como norma, retirándoo da fiscalización da oposición e da transparencia obrigada na contratación pública para que os pequenos empresarios poidan participar coa oferta dos seus produtos e servizos nos contratos públicos. Todas estas cuestións foron rexeitadas pola maioría absoluta sorda ás chamadas do pobo.
A anécdota do debate foi a emenda aos orzamentos presentada polo anterior alcalde, Julio Sacristán, para quen o Partido Popular e o PSOE pediron unha rúa. O antigo rexedor, que tanto ten criticado, igual que o actual, á xente que presentaba alegacións porque “retrasaba” a aprobación do orzamento, solicitou a inclusión de case 14.000€ para compensar os gastos xurídicos que lle ocasionaron preitos na súa etapa de alcalde. Entre outros, os gastos orixinados polas denuncias do Sr Rioboo, das que non se deu coñecer nunca á xente como remataron, malia que si sabemos todos que hoxe en día o Sr Rioboo é o alcalde sucesor de Sacristán.