Friday 22 de November de 2024

Juventino Trigo reconfigura o goberno municipal de Fene trala renuncia das tres edís do PSOE


Juventino Trigo asinou nos últimos días as resolucións mediante as que se redistribúen as áreas ocupadas ata hai unhas semanas por Mar Piñeiro, Ana Basoa e Marta Pereiro, as tres concelleiras socialistas que renunciaron aos seus respectivos cargos despois de que o rexedor lle retirase a Piñeiro as competencias en Servizos. A grandes trazos as mudanzas limítanse a iso, a asignar a xestión de cada departamento entre o resto de membros do grupo de goberno -agora bipartito BNG-EU- “procurando tocar o mínimo a configuración que pactamos en 2020” e, segundo o rexedor, “encarando con optimismo e ilusión os retos que nos quedan de aquí a maio do ano que vén”

O primeiro dos cambios reseñables é a modificación da Xunta de Goberno Local, á que acceden Ángeles Coira e Justo Martínez Ardá. Este último tamén asume a delegación xenérica de Desenvolvemento Territorial e do Medio, mentres que Manuel Polo Gundín -que xa formaba parte da XGL- faise cargo da correspondente a Dinamización Económica.

Dentro das delegacións especiais -as que dependen de cada área de goberno xeral- tamén hai cambios, ou máis ben engádegas de competencias xa que, segundo Juventino Trigo, “procuramos tocar o mínimo a configuración que pactamos en 2020, por iso non varían as denominacións das áreas que agora volvemos redistribuír entre os membros do actual goberno”.

Así, Martínez Ardá, que era responsable de Cultura, tamén se encargará agora das subáreas de Obras e Medio Ambiente, mentres que Sandra Permuy Meizoso levará a subárea de Servizos xunto coas de Persoal, Seguridade, Participación Veciñal e as referidas ao funcionamento interno do consistorio.

Outra das modificacións refírese ao intercambio de funcións entre Ángeles Coira e a concelleira de Esquerda Unida Mari Carmen Martínez. A primeira colle Promoción Económica como única subárea, mentres que a segunda engade a Benestar e Igualdade os apartados de Xuventude e Ensino que levaba Coira até agora.

Á fronte da carteira de Deportes -tamén xestionada por Ángeles Coira ata este momento- ponse Cristina García Moroño, actual responsable de Formación e Emprego que, ademais, tamén se ocupará das subáreas de Radio Municipal e implementación de medidas de transparencia na xestión municipal.

En canto ás delegacións especiais só Manuel Polo queda co mesmo número de subáreas que tiña encomendadas: Urbanismo e Vivenda por unha banda, e Facenda e Patrimonio por outra.

A reconfiguración do Executivo local tamén significa variar a orde das tenencias da alcaldía, ocupadas -por esta orde- por Sandra Permuy, Manuel Polo, Mari Carmen Martínez, Justo Martínez e Ángeles Coira. Permuy e Coira, ademais de Juventino Trigo, exercerán as súas funcións con dedicacións parciais.

O alcalde de Fene sinala que a “necesaria” redistribución de áreas no Goberno municipal “meditouse moito e fíxose atendendo á dispoñibilidade e disposición” dos membros do executivo para afrontar a un ano das eleccións “máis competencias e máis traballo do que asumiron tralo acordo de goberno de 2020”. Con todo, Trigo confía “plenamente” na capacidade do seu equipo para “encarar con optimismo e ilusión os retos que nos quedan de aquí a maio do ano que vén”.