— Román Rodríguez aposta por estreitar alianzas entre o tecido socio-económico e o ámbito educativo para afrontar “con éxito” os retos de futuro na FP, que pasan por afondar na innovación e a dixitalización
— O Centro Integrado de FP Someso acolle a presentación de EduInspira, unha acción desenvolvida pola Consellería en colaboración coa Cámara de Comercio da Coruña no marco do programa EduEmprende, no que participan 20 institutos
O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, reivindica a colaboración entre o ámbito educativo e o empresariado galego como “imprescindible” para seguir avanzando na consolidación dunha Formación Profesional galega especializada, innovadora e de alto valor engadido.
O titular de Educación do Goberno galego participou esta mañá na inauguración da xornada Experiencias que inspiran, no marco do programa educativo Eduemprende, que se celebra no Centro Integrado de FP Someso, e que contou coa presenza do presidente da Cámara de Comercio da Coruña, Antonio Couceiro, e do presidente e conselleiro delegado de GADISA, Roberto Tojeiro, encargado do relatorio El valor de emprender, detectar y perseguir una oportunidade. Á xornada tamén asistiron o delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, e o secretario xeral de Educación e FP, José Luis Mira.
Na súa intervención, Román Rodríguez lembrou o esforzo levado a cabo nos últimos anos por parte da Xunta para impulsar unha Formación Profesional de calidade e o fortalecemento de vínculos entre os centros educativos e as empresas foron elementos clave para consolidar estas ensinanzas “como unha verdadeira alternativa académica, prestixiada e reputada, e catalizadora de emprego de calidade e de oportunidade de inserción laboral”.
Proba do que o conselleiro cualifica como “auténtica revolución silenciosa da FP” son os case 59.000 matriculados (un 70% máis que hai 13 anos) que sitúan a Galicia como líder do Estado, cunha media de inserción laboral que acada o 84,6%, e a colaboración de máis de 10.800 empresas.
Como reto de futuro, a Xunta fíxase seguir avanzando na calidade e no potencial innovador da Formación Profesional sobre os eixos da innovación e a dixitalización. Para tal fin, a Xunta conta coa Estratexia FP 2030, unha folla de ruta que seguirá implementando accións como os másteres de FP aliñados coas novas necesidades do tecido produtivo (fabricación intelixente, videoxogos, intelixencia artificial, big data…), aportando valor engadido para a formación de profesionais de talento, impulsando a FP Dual e mellorando a empregabilidade do alumnado.
Nesta liña, Román Rodríguez requiriu ao empresariado a seguir apostando por este “proxecto de éxito que beneficia a todas as partes implicadas”, xa que redunda en máis e mellores oportunidades para o alumnado ao tempo que poñe a disposición do mercado profesionais altamente formados.
A intervención do conselleiro enmárcase dentro da presentación de EduInspira, unha acción que forma parte do programa EduEmprende que impulsa a Xunta de Galicia en colaboración coa Cámara de Comercio da Coruña. Ten como obxectivo amosar ao alumnado as vantaxas do emprendemento e concienciar á comunidade educativa sobre as posibilidades que ofrecen distintas familias profesionais para a posta en marcha de proxectos viables e para a creación de ideas innovadoras de negocio.
Fomento de habilidades emprendedoras nos institutos
O programa desenvólvese en 20 institutos nos que os alumnos, a través de talleres, xogos e dinámicas grupais, aprenden sobre habilidades emprendedoras. Ademais, en cada xornada, representantes de diversos sectores expoñen as súas experiencias, como é o caso do presidente de GADISA, Roberto Tojeiro, que participou hoxe como relator no CIFP Someso. Tamén interviron Noemí Bellas, CEO en Libolis Escuela de Emprendimiento, e Emma Lustres, CEO da produtora audiovisual Vaca Films.
Ademais do CIFP Someso, no EduInspira participan os institutos IES As Mariñas (Betanzos), IES Monte Neme (Carballo), IES Agra de Raíces (Cee), IES Fernando Blanco (Cee), IES Plurilingüe Eusebio da Guarda (A Coruña), IES Ramón Menéndez Pidal (A Coruña), IES Urbano Lugrís (A Coruña), IES Fernando Wirtz Suárez (A Coruña), CIFP Universidade Laboral (Culleredo), CIFP Ánxel Casal – Monte Alto (A Coruña), IES de Curtis (Curtis), IES de Sabón (Arteixo), IES Eduardo Pondal (Ponteceso), IES Terra de Soneira (Vimianzo), IES María Casares (Oleiros), IES Maximino Romero de Lema (Zas), IES Ordes (Ordes), IES Afonso X O Sabio (Cambre) e CIFP Paseo das Pontes (A Coruña).