A concelleira de Mocidade de Lousame, María Regenjo, presidíu a inauguración da Exposición do Taller de Fotografía na Casa da Cultura. A mostra está composta por un total de 39 imaxes realizadas polos alumnos da segunda edición deste curso ofertado polo Concello e que se desenvolveu entre os pasados meses de abril e xuño.
Na súa intervención, María Regenjo felicitou a todos os participantes nesta mostra e animounos a seguir formándose neste eido. “Dende o Concello seguiremos a traballar por ofertar iniciativas deste tipo que tan bo resultado están a dar”, asegurou.
Tamén estivo presente na inauguración o profesor do Taller de Fotografía, Martín Casanova, membro da Asociación Olláparo, que foi a encargada de desenvolver esta actividade. O docente amosouse moi satisfeito por que dende o Concello de Lousame se dese a posibilidade de “crear esta exposición que serve para aumentar a motivación dos alumnos do curso”. Neste senso, animou ao executivo local a promover unha terceira edición deste taller.
Coincidíu tamén neste punto un dos alumnos do curso, Luis García, que se desprazou dende Santiago para poder participar nestas xornadas formativas. “Queremos seguir avanzando con estes talleres de fotografía e seguir aprendendo”, concluíu.
A exposición do Taller de Fotografía de Lousame estará aberta na Casa da Cultura ata o próximo 18 de setembro. As 39 instantáneas foron tomadas polos alumnos Olga Filgueira, Eduardo X. Estévez, Luis García, Mónica Figueira, Teresa Ponte, Raquel Mayo, José M. Outeira e polo propio profesor, Martín Casanova. As fotografías realizáronse durante as saídas programadas para os sábados. “Cada día iamos a un sitio diferente para que eles puideran practicar a teoría que lle aprendemos, non só no anterior curso, senón tamén neste. É o mellor xeito de facer que se desenvolvan ben coas súas cámaras”, asegurou o profesor.
A temática das imaxes englóbase dentro do eido da natureza, no senso máis amplo deste termo. Pódense ver instantáneas tomadas non só en distintos lugares do municipio de Lousame, senón tamén en concellos limítrofes, coma Noia. Os diferentes enclaves escollidos durante os sábados que se desenvolveron as saídas de campo permitiron aos alumnos practicaren coas distintas funcións das súas cámaras, como poden ser a velocidade ou a exposición, entre outras. Dende a Asociación Olláparo amosáronse moi satisfeitos cos bos resultados desta acción formativa desenvolvida a través do Concello de Lousame.