A autora da imaxe das festas deste ano ten 20 anos e está rematando os seus estudos de Ilustración na Escola Pablo Picasso da Coruña
Que a creatividade artística no noso concello vai a máis demóstrase incluso no cartel das festas de San Xoán, porque os últimos premios están quedando na casa e iso énchenos de orgullo. Este ano a gañadora é Nerea Vilariño Cabeza, unha carballesa de 20 anos que está rematando os seus estudos de Ilustración na Escola Pablo Picasso da Coruña e que quere dar o salto á universidade para formarse en Creación dixital, animación e videoxogos co obxectivo de poder dedicarse profesionalmente ao seu soño, que é a animación cinematográfica.
Animada por un amigo, Nerea presentou ao concurso do cartel de San Xoán unha proposta absolutamente novidosa, na que non hai sardiñas nin cachelas, pero si outra das nosas tradicións máis arraigadas: a de lavar a cara con auga de flores o día do patrón. “Non sabía se se ía entender moi ben pero penso que as flores tamén representan ben a festa de San Xoán, e non é a mítica cachela”, apunta. A ilustradora convídanos a desfrutar dunha festa en feminino, tanto polo motivo como polo colorido do cartel, do que, polo momento, non imos desvelar máis detalles.
Nerea Vilariño recolle o relevo doutro carballés, Cervo Varela, gañador da edición do 2019 con outra proposta tamén diferente que representaba o empoderamento das avoas. Como vedes, os nosos artistas demostran que, ademais de creativos, son tamén reivindicativos.
O deseño deste ano competiu con outros 40 carteis chegadas dende localidades como Vigo, Santiago, Coristanco, Malpica, Noia, Arteixo, Aranga, Oleiros, Pontevedra, Ferrol, Vilagarcía… e mesmo de Asturias. A participación local foi moi destacada, xa que aproximadamente a cuarta parte dos/as artistas presentados/as son de Carballo. O xurado estivo composto polos membros da comisión de festas.