Friday 22 de November de 2024

O BNG levará a pleno a necesidade dun modelo eólico sostible


Os nacionalistas están preocupados pola falta de noticias sobre o proxecto da Liña de Alta Tensión e os campos eólicos mariños que afectan a Arteixo.

O BNG reclama, ademais, unha tarifa máis baixa para Galiza para compensar o impacto ambiental sufrido.

O BNG de Arteixo leva ao vindeiro pleno de Arteixo, que se celebra o xoves 26 de maio, unha moción relativa á esixencia dun modelo eólico sostible e non depredador de Galiza.

O modelo enerxético que está a promover o Goberno do Estado, pretende especializar de novo a Galiza na produción de enerxía eléctrica a gran escala e, en boa medida, para o resto do Estado español. Xa hoxe o 33% da electricidade producida no país se envía para fóra. Na actualidade, Galiza vese ameazada con máis de 200 proxectos de macro parques eólicos de grande impacto que afectan a zonas de alto valor ambiental e terras agrícolas ou patrimonio. Ademais, está presente unha ameaza para o sector pesqueiro debido á

instalación de parques eólicos mariños no litoral galego.

Arteixo vese enormemente afectado por este desenvolvemento depredador das eléctricas. “É necesario poñer os límites oportunos, así como unha tarifa galega propia. E ademais en Arteixo estamos preocupados pola falta de noticias sobre a Liña de Alta Tensión que atravesaría a zona sur do concello así como a proliferación de campos eólicos mariños”, comenta o concelleiro Xurxo Couto.

O BNG considera necesario fixar unha postura conxunta diante destes feitos e leva ao pleno de maio unha moción para reclamar diante do Goberno do Estado e da Xunta de Galiza un modelo eólico sostible e “non depredador”, fuxindo dos grandes parques eólicos e promovendo un modelo de xeración distribuída, con retorno social, sen impacto ambiental e próximo aos centros de consumo.

Ademais, entre os acordos suxeridos está o de rexeitar a instalación dos varios parques eólicos mariños previstos na costa galega antes de realizar un estudo de impacto no sector pesqueiro e no medio ambiente. Tamén reclamar para Galiza unha tarifa propia máis baixa para compensar o impacto no territorio.

No referente a Arteixo, o BNG solicita que, na medida do posible, todas as liñas de evacuación que discorran polo municipio sexan soterradas e que o Concello apoie os colectivos e a veciñanza afectados pola instalación de estruturas de aproveitamento enerxético.