Moeche e San Sadurniño explican que a demora no inicio dos traballos se debeu á espera pola autorización de Augas de Galicia
Ambos consistorios investirán nas obras cerca de 35.000 euros
A empresa Construcciones Saavedra y López iniciou hai uns días os traballos de construción da nova ponte do Sixto, que comunicará San Sadurniño e Moeche na zona do Carbeiral sorteando o rego da Braña. No outono de 2020 ambos municipios decidiron cortar o paso nese punto por seguridade, ante as deficiencias estruturais que presentaba o vello pontigo. Case ano e medio despois as obras poden ir adiante por fin, despois de recibir en abril deste 2022 a preceptiva autorización por parte de Augas de Galicia. Na ponte, sufragada a medias por Moeche e San Sadurniño, investiranse 34.990 euros, ive incluído.
Beatriz Bascoy e Secundino García visitaron a primeira hora desta mañá a zona onde se están desenvolvendo os traballos e onde xa non queda nada da antiga ponte. “O enxeñeiro redactor do proxecto recomendou facer unha ponte nova desde cero para garantir a súa resistencia e para darlle un ancho maior. A ponte vella era de hai medio século e hoxe as necesidades son outras”, explica a rexedora de Moeche.
O alcalde de San Sadurniño, pola súa banda, lamentou o retraso no inicio dos traballos, motivado segundo García Casal “no tempo que tardaron en chegar as autorizacións”. O alcalde recordou que o proxecto da obra se licitou en 2021 despois de consultar con Augas de Galicia cal era a mellor solución técnica para repoñer o paso sobre o regato.
“Convidamos a Augas a que viñese ver a ponte en novembro de 2020, aos poucos días de cortar o paso, para que nos asesorasen sobre como solucionar o problema. O proxecto deseñouse en contacto permanente con eles para axilizar despois a súa tramitación perante este organismo e tamén diante da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, quen emitiu informe favorable o pasado mes de marzo, aínda que nós xa tiñamos a obra adxudicada e asinada desde xaneiro”, sinala Secundino García.
Con todo, o tempo foi pasando e o que pretendía ter solventado en poucos meses acumulou finalmente máis dun ano de trámites. Segundo argumenta Beatriz Bascoy, os concellos de Moeche e San Sadurniño “fixemos o que estaba na nosa man para que a obra comezase o antes posible, pero para poder empezar tivemos que agardar a ter os permisos, e ata este mes abril non chegou a autorización que tiña que chegar. Agardamos que agora a cousa estea encamiñada e que o paso sobre o rego se poida restablecer nunhas semanas”.
Case 35.000 euros de investimento
Os traballos xa en marcha comprenderán a construción dunha escolleira en ambas marxes do regato, que suporá darlle máis paso ao ollo da ponte e tamén unha elevación lixeiramente maior. Tamén aumentarán o ancho e mailo largo, que pasarán respectivamente de pouco máis de 2 metros a 3,50, e de 5 metros até os 6,80.
A ponte sustentarase sobre unha plataforma de formigón armado que irá cuberta cunha capa aglomerada, ademais de incorporar varandas metálicas de protección.
No proxecto, adxudicado a Construcciones Saavedra y López, investiranse 34.990 euros, impostos incluidos, sufragados a medias por Moeche e San Sadurniño segundo se reflicte no convenio suscrito por ambos concellos en setembro do ano pasado. Na súa oferta a empresa comprometeuse a executar os traballos no prazo máximo de dous meses.