Friday 22 de November de 2024

A Xunta enxalza a posición de Galicia como destino gastronómico de referencia na presentación do “Galicia Forum Gastronómico” na Coruña


― A Coruña celebrará do 25 ao 27 de setembro este Fórum despois de tres anos de suspensión por mor da pandemia

― A directora de Turismo de Galicia participou na presentación do evento gastronómico, destacando a riqueza enogastronómica e a calidade acadada pola restauración galega que nos sitúa como referentes nos destinos gastronómicos nacionais

― O encontro está chamado a ser unha das citas gastronómicas de máis importancia na comunidade, con preto de 24.000 visitantes na súa última edición

O Hotel Finisterre acolleu esta mañá a presentación da nova edición do Forum Gastronómico que acollerá a cidade da Coruña entre o 25 e o 27 de setembro. A directora de Turismo, Nava Castro, acudiu á presentación da que será a quinta edición do Galicia Fórum Gastronómico.

Na súa intervención, a directora de Turismo de Galicia puxo en valor a importancia que supón a celebración deste tipo de eventos, xa que permiten situar a Galicia como destino enogastronómico de referencia, permitindo dar a coñecer tanto a riqueza de produtos e da materia prima como a profesionalidade e excelencia acadada polos profesionais do sector.

Así, Castro destacou a importancia da gastronomía na oferta turística galega e indicou que a gastronomía é “o segundo motivo polo que os visitantes acoden a Galicia”. Nesta liña, resaltou a calidade como eixe fundamental dese feito, con 16 Estrelas Michelín e 325 Q de calidade en Galicia, das que 80 son de establecementos de restauración. Ademais, destacou que o Goberno galego seguirá a apoiar a celebración de iniciativas que permitan conservar a tradición culinaria de Galicia, poñela en valor, difundila e internacionalizala, “o que contribúe a divulgar a potencialidade como destino gastronómico e fomentar así a dinamización do turismo e a desestacionalización do sector turístico”.
Galicia Forum Gastronómico

A nova edición que acollerá ExpoCoruña o vindeiro mes de setembro é un dos eventos gastronómicos máis consolidados a nivel nacional. En marcha desde 1999, na súa última edición na Coruña participaron 250 expositores e máis dun cento de relatores nunha feira na que se rexistraron máis de 24.000 visitantes. Nesta nova edición a gastronomía sustentable será o seu tema central e un dos eixes sobre o que xirará boa parte dos seus relatorios e mesas redondas.