O Mercado Celta de Pedroso abrirá mañá ao público na súa primeira edición, que se prolongará ata o vindeiro domingo, día 22. O Concello organiza este evento a través da concellería de Feiras e Mercados, presidida polo edil Santiago Galego, e en colaboración cun colectivo veciñal da citada parroquia. A apertura do Mercado Celta, mañá ás 18.00 horas, coincidirá co inicio dun programa que inclúe pasarrúas, un percorrido de Faunos, acrobacias e un espectáculo de lume a partir das 22.00 horas. Os tres días tamén se poderán adquirir diferentes produtos gastronómicos, artesáns… na vintena de postos de venda que se localizarán nas inmediacións do local social de A Pombiña.
O mercado reabrirá o sábado ás 11.00 horas, cando continuará a música, haberá xigantes e guerreiras, e poderase ver unha meiga co seu aro máxico ata as 14.00 horas, momento da “Hora do buen yantar”. Pola tarde a actividade retomarase ás 17.30 horas coa reapertura dos postos do mercado e un novo repertorio de música de tambores e gaitas, o espectáculo de “Os Brinqueiros”, os do “Minotauro e a bruxa blanca”, o paseo dos Faunos e ás 22.15 horas o conxuro á lúa, con lume e acrobacias para despedir a xornada.
O último día de Mercado Celta en Pedroso, o domingo, o mercado estará aberto pola mañá de 11.00 a 15.30 horas. De novo haberá un pasarrúas musical con “Os Brinqueiros”, o xigante e a guerreira darán a benvida aos visitantes, poderase ver o o espectáculo de “A Meiga e o seu aro” e haberá un paseo do “Minotauro e a bruxa blanca” para iniciar ás 14.15 a “Hora do buen yantar”. Pola tarde dende as 17.30 horas o mercado reabrirá as súas portas e regresará tamén a música, o percorrido dos Faunos, acrobacias e outras propostas ata comezar ás 22.00 horas un espectáculo de circo e lume, un pasarrúas musical e o espectáculo de despedida deste evento.
Nas inmediacións do local social da Pombiña tamén haberá atraccións e mesas de xogo para as nenas e nenos, e ademais poderase ver o traballo que realizan diferentes artesáns de oficios antigos.