O acto celebrarase mañá venres no Pazo da Cultura, e as persoas interesadas en asistir deben anotarse en info@xestoresculturais.gal
Arredor do Certame Fotográfico Xosé Manuel Eirís, un dos máis importantes e veteranos de Galicia, Carballo convértese na sede da presentación do Manual de boas prácticas na xestión cultural das artes visuais, un proxecto impulsado pola Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC), coa colaboración da Deputación da Coruña, co obxectivo, segundo explican, de “dotar ao colectivo de profesionais da xestión cultural de pautas para desenvolver proxectos que atendan á lexislación vixente e aos elementos chave da Axenda 2030 de Desenvolvemento Sustentable.
O primeiro manual publicado foi dedicado ás boas prácticas para espectáculos ao vivo, que tivo unha excelente acollida no colectivo. Agora desde a asociación profesional presentan unha nova guía para o traballo nas artes visuais, un conxunto de manifestacións culturais que están a gañar unha maior atención por parte dos públicos, con novas disciplinas de creación e novos xeitos de gozo, algúns deles vencellados aos avances dixitais.
Dende a AGPXC definen o manual como “unha ferramenta útil para que todo tipo de xestoras culturais (programadoras, produtoras, curadoras, mediador) poidan relacionarse desde a reciprocidade, o respecto e a transparencia tanto co resto de suxeitos do sector (creadoras, educadoras, provedoras, etc) como coas comunidades involucradas nos procesos artísticos”.
Na presentación, prevista para mañá venres, ás 19.00 horas, no Pazo da Cultura, están previstas as seguintes intervencións:
• Xurxo Couto, deputado de Cultura na Deputación da Coruña
• Carlos Lorenzo, presidente da AGPXC
• Clara Rodríguez, de 7H Cooperativa Cultural (autora do manual)
• Marcos Trigo, concelleiro de Cultura de Carballo
Para asistir só é preciso confirmar asistencia a través do seguinte enderezo electrónico: info@xestoresculturais.gal.