O teatro regresa de novo esta fin de semana ao Pazo da Cultura, coa representación este sábado ás 20.00 horas da obra “Morgana en Esmelle”, da compañía Sarabela Teatro. A cita, prevista inicialmente para finais do pasado mes de abril, pospúxose por motivos alleos ao Padroado da Cultura.
A premiada novela do mesmo nome editada no ano 2012 e escrita por Begoña Caamaño foi adaptada para compartir a visión do amor, a xustiza, a violencia, a morte, a liberdade, a opresión… que ten a autora do libro. As protagonistas son mulleres fortes e apaixoadas e na peza incidirase na necesidade de combater o sexismo e a discriminación históricas. Quico Cadaval, Fina Calleja, Fernando Dacosta, Sabela Gago, Laura Míguez e Elena Seijo forman o elenco desta obra de teatro contemporáneo.
As entradas teñen un prezo de 9,50 euros para o público xeral e de 6,65 para abonados, desempregados e persoas con carné xove ou de estudante. Poden adquirirse no despacho de billetes do Pazo e na web do Padroado da Cultura: www.padroadodecultura.es.