Friday 22 de November de 2024

Inés Rey presenta A Coruña 2030, un proxecto participativo para avanzar no deseñ da cidade do futuro


Inés Rey: “A Coruña 2030 permitiranos avanzar nun modelo de cidade que sexa máis sostible, inclusivo e innovador”

A Coruña é un dos 121 municipios e territorios escollidos polo Ministerio de Transportes, Medio Ambiente e Axenda Urbana para a posta en marcha deste proxecto piloto

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, presentou esta tarde A Coruña 2030, nun evento participativo no Centro Ágora, para dar a coñecer o plan deseñado e promovido polo Concello coa participación da cidadanía e representantes dos axentes sociais e económicos locais.

No acto estiveron presentes Inés Rey, alcaldesa da Coruña; Yoya Neira, concelleira de Benestar Social, Participación e Igualdade; Julio Abalde, reitor da Universidade da Coruña; Álvaro Pérez Sancho, Vicepresidente de AVV de Palavea; Alicia Fernández Vila, Directora de Sostibilidade en Valora Consultores; e outros membros da corporación municipal.

A Coruña 2030 é un proxecto de axenda urbana, para pensar e planificar o futuro da Coruña de forma participativa. O obxectivo é implicar aos diferentes axentes sociais e económicos  no deseño do modelo de cidade, atendendo ás súas demandas para construír unha Coruña futura de forma conxunta. A alcaldesa, Inés Rey, sinalou que “do que se trata é de pensar e planificar a cidade no seu futuro máis próximo, traballando conxuntamente na definición dun modelo de cidade que sexa máis sostible, innovadora e inclusiva, converténdose nun motor non só de crecemento económico, tamén de referencia en participación cidadá”.

A Coruña é un dos 121 municipios e territorios designados polo Ministerio de Transportes, Medio Ambiente e Axenda Urbana como proxecto piloto da Axenda Urbana. Así, a cidade sitúase nun posto preferente de fronte ao novo período de financiamento europeo 2021-2027.

Durante os próximos meses traballarase no desenvolvemento do Plan de Acción de A Coruña 2030, que propón intervir nos aspectos máis relevantes da cidade: desde a planificación e a rexeneración urbana ata o impulso dos procesos de innovación tecnolóxica e economía circular, pasando por unha nova xestión do verde urbano ou un renovado modelo de gobernanza máis aberto e transparente, entre outras iniciativas.

A Coruña 2030 é un plan colectivo promovido polo Concello da cidade, que agrupa as estratexias sectoriais e que conta coa participación dos axentes sociais, das empresas e das institucións presentes no territorio municipal e, por suposto, da cidadanía. Inés Rey agradeceu a participación e colaboración das entidades alí presentes: “para nós é fundamental contar coas vosas opinións e achegas neste proxecto, formando parte da elaboración desta axenda urbana que debemos construír entre todos e todas”.

A participación cidadá comenzará mañá, 19 de maio con 10 encontros participativos en diferentes centros cívicos do municipio e 3 espazos divulgativos, así como a través dun cuestionario en liña que se pode atopar na web: www.coruna.gal/axendaurbana/gl.