Saturday 16 de November de 2024

A Xunta destina este ano un total de 241.000 euros ás axudas para o fomento das razas autóctonas gandeiras galegas


A conselleira do Medio Rural e do Mar destacou a importancia destas achegas na Festa Gastronómica do Porco Celta de Porto do Son, na parroquia de Nebra

A Xunta destina este ano un total de 241.000 euros en axudas para o fomento das razas autóctonas gandeiras galegas, entre elas o porco celta. Así o destacou a conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, na Festa Gastronómica do Porco Celta celebrada no concello coruñés de Porto do Son, na parroquia de Nebra.

A conselleira lembrou que estas achegas teñen como finalidade contribuír ao aumento da rendibilidade das explotacións gandeiras e á modernización do sector gandeiro galego en materia de xenética, sanidade e produción animal. Tamén pretenden mellorar a eficiencia dos sistemas produtivos agrarios e das calidades nas súas producións e favorecer a optimización na utilización das oportunidades e recursos dispoñibles.

Poden acollerse a estas axudas as Organizacións ou asociacións de criadores das razas autóctonas galegas, recoñecidas pola Comunidade Autónoma que cumpran, entre outros requisitos o de carecer de ánimo de lucro e de estar oficialmente recoñecidas para a xestión do Libro ou Libros Xenealóxicos da raza ou razas autóctonas galegas, pola Comunidade Autónoma de Galicia. Son accións obxecto destas subvencións a creación ou mantemento dos libros xenealóxicos e as que se deriven do desenvolvemento do programa de mellora oficialmente recoñecido para a raza.

Neste acto, a conselleira sinalou que no contexto destas políticas, a explotación no monte comunal de Nebra (Porto do Son) ten un carácter exemplar, xa que aproveita os avances en I+D para poñer en valor este tipo de producións gandeiras.

Explotación no monte comunal de Nebra
Esta explotación porcina é titularidade da Asociación de Criadores de Gando Porcino Celta (Asoporcel). Ten carácter extensivo e actualmente conta cun censo de 49 porcos de cebo. Empezou a funcionar no ano 2012, no marco dun proxecto de I+D financiado pola Consellería do Medio Rural e do Mar con fondos Feader, posto en marcha por Asoporcel en colaboración cos comuneiros do monte veciñal de Nebra, que cederon unha parte do terreo para o proxecto.